A toponimia galega quedou fixada, desde a Lei de Normalización Lingüística de 1983 do Parlamento de Galiza, a partir do criterio lóxico e coherente de seren as súas formas orixinarias, non deformadas, as únicas que terían validez oficial. Curiosamente algunhas administracións e organismos públicos aínda seguen a opor resistencia a esta legalidade en casos moi significativos.
Tanto ten que sexa unha competencia autonómica a súa fixación. Tampouco importa que exista para os casos en que era necesario por tratarse dunha competencia estatal (a denominación das provincias de A Coruña e Ourense para polas en consonancia co das súas respectivas capitais) unha Lei das Cortes Xerais, 3 de marzo de 1998, que así o estabelece.
Por certo, o exalcalde da Coruña Francisco Vázquez, entón tamén deputado, non asistiu ao pleno do Congreso no que se aprobou por unanimidade esta lei. Debo dicir que debín empregarme a fondo para axilizar os trámites pendentes para o seu debate, pois corría perigo de decaer. Tal sería a súa sorte de non estar alí o BNG.
Algo grave pasa cando se persiste, nun Estado que se di democrático e descentralizado, en manter topónimos deformados para soaren a español no canto de aceitar as formas orixinarias como as únicas oficiais.
Algo preocupante resulta que algunhas autoridades e funcionarios das administración públicas se empeñen a fondo en facer uso oficial de formas deturpadas, ilegais, para deixar claro quen manda. Impórtalles un pito a legalidade e a verdade histórica, non digamos xa a caricatura que fan.
Parece ferinte que moitos dos que nos lembran todos os días a obriga de cumprir as leis (podíamos falar da Administración de Xustiza, en primeiro lugar) sexan os primeiros en facer que non ven cando se trata de amparar a legalidade vixente nesta materia, se non son moitas veces os primeiros en violala.
Nesta cuestión non existe nin o desacato nin a reincidencia. Algúns pensan que tampouco é para tanto, que se trata dun tema menor. Porén, é todo un síntoma da consideración que merecemos como pobo, das relacións de poder que transmite, e do respeito que a legalidade democrática merece cando se aliña contra o dominio e a subordinación que nos converte nunha caricatura esperpéntica.
A finais de xullo volvinme a atopar, dentro dos servizos públicos da administración central, coa a ignorancia, o desprezo e a arrogancia neste tema. Nun monitor informativo da estación de Chamartín, sobre as saídas de trens, nun mostrador de atención aos viaxeiros, aparecía repetido o topónimo “El Ferrol” como destino.
Presentei a conseguinte reclamación para que se corrixise a anomalía. Ao cabo de dúas semanas, recibín a seguinte contestación do ADIF: “Los nombres de las ciudades los determina la tradición. Su nombre será siendo (sic) el que empleen la mayoría de los hablantes, pero en ningún sentido está desaconsejado decir “EL Ferrol”. Iso si tamén se me informaba de que a miña “suxerencia” fora enviada ao departamento correspondente para proceder ao seu estudo.
Quedei estupefacto. Contestei debidamente. E espero que as preguntas parlamentarias ao Goberno fagan rectificar tanto descaro, atrevemento e ilegalidade. Que hai no fondo dela?
Vaiamos á historia. A denominación “El Ferrol” está vinculada á presenza abafante de elementos da Administración Central española na cidade desde o século XVIII.
Cando un topónimo galego acababa por ser de uso frecuente por esta Administración e os seus axentes, e non era doado crear un híbrido españolizador deformante, optábase por engadir o artigo “El” diante para marcalo. Era algo así como marcar o gando para saberse de quen é. Nalgúns casos non se consumou esta opción nin deixou pegada porque a poboación en cuestión volveu ser anónima, ignorada, por España.
Así pasou con Carral, bautizado como “El Carral” na información da prensa madrileña co gallo de teren lugar alí os xuízos sumarísimos contra os dirixentes militares do levantamento de abril de 1846, e o seu posterior fusilamento. Non fixo falta nin lei nin indicación administrativa. Carral non era admisíbel para un ouvido español. Como non o era para a administración colonizadora Ferrol a secas.
Porén, esta é a forma orixinaria, a única legal, e ademais a de maior uso popular a nivel oral e escrito. Os nomes orixinarios dos lugares, deben ser, e son legalmente, os oficiais, non os deformados por anos ou séculos de imposición deturpadora, produto da subordinación, do dominio, mesmo do capricho de quen se cre con poder para exercer o dereito de pernada.