Estou a vivir horas baixas. Todo se me volve en recordos dos que xa non están con nós e daqueles tempos tan felices nos que tantas cousas compartimos.
Miña nai, unha santa sen conto, adicou toda a súa vida a seu home e aos seus fillos, como moitas outras nais, como case tódalas nais. Morreu a miña con 95 anos cumpridos e xa nas últimas dicía que lle daba pena morrer deixando sós aos seus fillos. Meu pai, xa volo teño dito aquí, era moito home de Deus, alto e forte coma un piñeiro e cheo de tenrura para a súa muller e os seus fillos.
Ninguén que o coñecera podía deixar de querelo, na familia, no traballo ou na rúa, endexamais ouvín unha soa verba contra el, senón todo o contrario. Meu irmán Aurelio, home intelixente, estudoso e traballador deixounos hai xa nove anos despois dunha moi dolorosa enfermidade. No mes de novembro pasado fóisenos en silencio meu cuñado Xosé Mª, Pikolo para achegados e amigos, un home bo onde os houbera.
Cúmprense hoxe 50 días dende o pasamento de Eva. Despois dun ictus isquémico do que pouco a pouco e con moito sacrificio e vontade íase repoñendo, un traizoeiro infarto masivo deixounos orfos e sen fala a min, ás súas fillas e netas e ao resto da familia.
Eu aínda non me afixen a súa ausencia, non en van foron preto de 60 anos xuntos que principiaron un 15 de agosto na lancha da Graña. Recórdoo moi ben, ela tiña 17 anos, era o día do seu santo e había festa na Real Vila
Agora, despois de tantos anos, aquí estou só, sentado nunha butaca a carón de outra desapiadadamente baleira, e esta soidade tan dura e difícil de aturar, pode comigo.
Gracias as fillas, netas e irmás que coidan de min, anque o problema é que teño moitos anos e poucos azos para seguir vivindo. Estou escribindo estas letras e ao mesmo tempo doume conta de que non teño dereito a falar deste xeito e moito menos a publicalas no xornal.
Fágoo co gallo de me relaxar que, como vedes, boa falta me fai. Eu ben sei que o que estou a sufrir é lei de vida e que todos antes ou despois temos que pasar por elo. Non queda máis remedio que conformarse e tirar pra diante, por respecto aos que me queren e se preocupan por min, familiares e amigos, aos que dende este apunte, tan agre e desaxeitado, agradezo as súas continuas mostras de agarimo.
Mil perdóns e unha aperta forte para todos.