Interpretacións

Hai ben anos –tal vez o 69, ou o 70–, cando estudaba en Santiago, tiña o costume, daquela tan común, de, en sesións de mediodía e tardiña,  lle andar metendo ao corpo cuncas dun viño augado e augardentoso que lle dicían do Ribeiro polas concorridas rúas do Franco e da Raíña. Os taberneiros servíano con xerras de louza branca despois de sacalo dun dos voluminosos bocois que se usaban tamén para pousar as cuncas. Unha tarde-noite desas, case cando xa tocaba retirada para a cea, entrou nun dos locais que frecuentaba un home ao que, sen estar peneque, se lle notaba que o viño que pediu non era nin moito menos o primeiro da xornada. Ao pouco, sen ningunha razón que o motivase, empezou a cagarse en todo o que adoitaba ser habitual naquel tempo: en dios e en todas cantas virxes e santos hai... O taberneiro mirábao como dicindo —”Se calaras...”. Como logo empezou a dirixirse á clientela do bar farfallando cousas sen xeito e máis xuramentos o dono do local aconselloulle que lle era mellor marchar, que xa bebera de abondo. Nesas entrou unha parella de policías de paisano habituais do local. Un deles, vendo o que había, púxose a falar co individuo dándolle o mesmo consello que o taberneiro, que marchase. Nin caso; seguiu coa súa inintelixible conversa e os correspondentes xuramentos. Ata que chegou un momento en que deus, as virxes e os santos foron substituídos por un -”Cajo en Franco e na puta que o pareu”. Automaticamente, o policía tirou de placa e cun -”Esto sí que no se lo puedo consentir” cominouno a acompañalo e aló foron bébedo e policías camiño da comisaría. 
Aquilo era unha ditadura, eufemisticamente denominada democracia orgánica, mais ditadura, e, loxicamente, non se podía falar mal do ditador ferrolán. Menos aínda insultalo ou cagarse nel e na súa familia. Poucos anos despois deste episodio compostelán instaurouse esta democracia -que cada vez ten máis de formal- e a ese tipo de comportamentos, que a min, debo dicilo, nin me gustan nin deixan de gustar -en moitos casos parécenme auténticas infantiladas-, en boa lóxica, deixóuselles de dar importancia. Ou iso parecía, porque aí está a condena polo caso da queima das fotos do rei, que agora, como era de esperar, o tribunal de Estrasburgo vén de dicir que non é delito.
 

Interpretacións

Te puede interesar