Urxe máis investimento en dependencia

A dependencia é hoxe un problema mundial polo avellentamento da poboación, por mor da caída da natalidade e o alongamento da idade de vida, e a redución da familia media. Sen dúbida o proceso acelerouse e irá a máis, especialmente nos países occidentais, e os recursos que se destinan a esta problemática están moi por debaixo das necesidades. Mais non se pode ignorar que se trata dunha cuestión prioritaria, dado que son cada vez máis as persoas que necesitan da axuda persoal ou material externa. 

Segundo dados do Imserso no ano 2017 había na Galiza 11.858 persoas dependentes sen atender con dereito a prestación, dun total de 67.228. A axuda a domicilio era a prestación máis frecuente, atinxindo o 32% das persoas dependentes, 20.465. Outras 13.392 recibían achegas económicas por coidado de familiares, e 20.285 estaban en residencias. Estas últimas constitúen só o 5,5% do total no Estado español, por debaixo da porcentaxe de habitantes do país. Galiza, xunto con Andalucía, é a cuarta autonomía con menos prazas nas residencias por habitante con máis de 65 anos. Ademais, un 79,5% das 342 residencias teñen carácter privado. Ou sexa, as familias teñen que facer fronte en boa medida ao custe da estancia nestes centros, que non son precisamente accesíbeis para un salario baixo e medio. 

A falta de oferta pública de prazas en residencias é unha cuestión estrutural, polo que se lle debería dar prioridade, se se quere evitar situacións insostíbeis para unha boa parte das persoas dependentes é das súas familias. O coidado no fogar das/dos dependentes hipoteca en moitos casos e durante moitos anos a vida das persoas que os realizan, unha situación que non se pode aceptar como  solución. Polo tanto, é esencial, ademais de que funcione a solidariedade a través dos servizos públicos, abrir un debate na sociedade sobre o carácter das prestacións públicas, para evitar que a vida das persoas non se vexa afogada pola solidariedade.

Cómpre que a prestación se estenda a todas aquelas persoas que non teñan recursos, ou que os complete. Así como que os aloxamentos sexan dignos, en habitacións individuais e cunha atención axeitada. 

Os coidados no fogar son realizados nun 87% por mulleres e seis de cada dez sofren depresión, xa que normalmente a atención prolongase toda a xornada, sen vacacións e durante moitos anos. Hai que reflexionar sobre estes custes humanos. Non se trata dunha cuestión menor, e deixa en evidencia a importancia da profesionalización e das residencias de titularidade pública. 

Urxe máis investimento en dependencia

Te puede interesar