LUVAS DE BORRACHA PARA A ÉTICA POLÍTICA

|

Dizía Pedrayo en Devalar que só un povo en camiño pode captar os diferentes matices do devalar da paisaxe. Eu digo o mesmo para o devalar da política neste intre histórico onde a urxencia acanea a esencia e, ás veces, mesmo a honradeza. Porque há pouco pasamos de ter que levar carnet de partido para poder exercer de político a ter que ser todos castos e xebres como aqueles querubíns de Luís Seoane. Porque unha cousa é debater a título individual nos foros, ágoras e marés e outra ben distinta é ter que agochar o que un é ou mellor está sendo, xunto a todo o seu pasado político. 
Dende que nos caeu o muro de Berlín todos foron a nos vender que xa non há ideoloxías, que xa non há esquerdas e dereitas, que xa non há nacionalismos... que todos vivimos nunha burbulla planetaria de choiva aceda que aboia no universalismo cosmopolita e anxelical apolítico. 
E cada vez son máis a acreditar nelo e incluso a asinar un certificado de pureza de sangue semellante a aquel que os bieitos católicos da reconquista fixéronlles asinar aos etiquetados por eles como non puros para poder sobreviver nas súa terra. 
Nos derradeiros tempos as críticas feroces van por aí. Se ti fuches e se eu non. Se ti militaches ou militas...como se os non militantes foramos apolíticos. Certo que há que refundar ou criar outros partidos ou outras canles de organización sociopolítica. Mais non a forza de enmascararmonos como o que nin somos nin endexamais seremos. Iso non é máis que un atranco onde xa abondan as fochancas. A derradeira celebración do banquete de Conxo parece que xerou máis polémica ca do orixinal do Rexurdimento. A única diferencia é que non houvo bispado e ameaza de deportación por medio...ou si?
Que demo é o que fai que Galiza non dea unificado forzas para criar unha candidatura única para poder ter nas cadeiras do parlamento español grupo proprio e non seguir consentindo, como dizía Castelao, que a vaca a sigan a munxir dende Madrí? Non me valen os tópicos minifundistas mal entendidos como individualistas. Porque o minifundismo nunca foi individuralismo senón todo o contrario, comunalismo. Nunca en Galiza houbo tanta comunidade cooperando como cando eramos minifundistas e autárquicos fronte ao latifundistas das españas!
Así que si non conseguimos o consenso, a confluencia de Galiza como suxeito xurídico proprio para as vindeiras eleicións volveremos a ficar perdidos na néboa da nosa historia tan tristemente repetitiva comas xurelos escabechechados. E os máximos responsabeis serán eses actores sociais, eses persoeiros de esquerdas de toda caste e eses nacionalistas que teñen máis interese no seu chaleque que en defender o futuro da nosa terra. Non son todos mais hainos.
Todo isto veume nun intre á mente cando merquei unha luvas de borracha para desatoar o baño. Pareime un intre perante o andel da patria... vinil, extra fino, non, mellor groso, para non luxar as mans. 
Que ben, pensei, que teñamos o portugués para poder ler na nosa lingua o que mercamos. E deume por estudar a diferencia, se a houver, entre o galego e mailo portugués. Está claro que luvas é coincidente anque cada vez haxa máis galegos que din o castelanismo guante. Mais a palavra borracha pode fazernos crer que son luvas para ir de festa a un botellón. Ao asociar borracha con persoa bébeda, verba que tamén existe en portugués. Mais borracha en portugués tamén lle din a un pequeno odre portátil de viño. O que nos leva de novo ao botellón. Pero tamén é un goma elástica extraída da seringueira. Noutra acepción é cauchu e mesmo o anaquiño de cauchu para apagar a escrita ou o deseño. 
Así que eu apostaría por tirar as luvas de borracha con que nos deu por nos meter na política para aparentar unha ética que terá máis a ver co que dizimos, razoamos, queremos, discutimos e sobre todo, fazemos aquí e agora mirando pola nosa terra  (que outros xa miran por outras) ca con mercar unha luvas de borracha para non nos enzoufar na ideoloxía e ser, o que nunca fomos, anxos de luz apátridas e aboiantes!
 

LUVAS DE BORRACHA PARA A ÉTICA POLÍTICA