Diário da sombra

Se a memoria non me falla, que algunhas veces o fai –afortunadamente poucas–, no inicio da primavera do ano 2013 fun convidado polo Departamento de Filoloxía Portuguesa da Universidad de Extremadura, que dirixía o catedrático Juan Carrasco -tan bo profesional como excelente persoa e amigo- a impartir unha conferencia sobre o canto de intervención galego, que din os portugueses. Alí traballaba, como profesor lector de Lingua e Cultura Galegas, ocupación que levaba aparellado ser responsable e programador cultural do Centro de Estudos Galegos, un meu benquerido ex-alumno: Alberto Pombo.
Malia que nesa altura do ano os fríos invernais non abandonaran as terras estremeñas, confeso que resulta moi gratificante visitar Cáceres -que é onde ten a sede a Facultad de Filosofía y Letras- neses meses previos á chegada das abafantes calores. En calquera caso, fermosísima cidade en todo tempo, sen dúbida.
Aínda que, tanto por motivos académicos, como por amizade, mantiña e manteño contactos máis ou menos frecuentes con Alberto Pombo, descoñecía que unha das súas grandes paixóns desde neno era a fotografía -ten falado da memoria do pai e da súa Olympus Trip 35-. Foi desa volta en Cáceres cando tiven coñecemento dela. Sabía, iso si, das súas afeccións musicais, das súas músicas e letras para o grupo Avante!, mais do fervor fotográfico non tiña idea. Na tarde do segundo dos dous días que botei en Cáceres, Alberto tiña clase de fotografía e citámonos para despois nun local que frecuentaba. Alí chegou acompañado do profesor e dalgúns compañeiros do curso que estaban a facer para pasar unha moi agradable tarde noite de conversas e meténdolle ao corpo algunha comida e bebida. Foi un pracer coñecer, entre outras xentes, Yorgos Karailias, o excelente e internacionalmente recoñecido fotógrafo grego que viña sendo o profesor do curso.
Precisamente, nunha das imaxes da mostra Diário da sombra, que se inaugurou o pasado venres na Fundaçom Artábria, podemos ver o artista heleno, a día de hoxe instalado de novo no seu país natal. As fotografías que conforman esta exposición son parte dunha colección máis ampla, Negrura, que deu a coñecer en abril de 2014 na galería Test da Coruña. No seu dicir, estas imaxes conforman unha “Reconstruçom emocional a partir de imagens fragmentárias e cheias de ruído. Precariedade, excesso, violência. Evasom, sexo, toxicidades. Um diário a preto e branco da crua década dos dez”. Un retrato xeracional formulado en primeira persoa.
Créanme que non me deixo levar polo afecto se lles digo que penso que paga a pena achegarse polo local de Artábria da rúa de Batallóns para, ao tempo que lle meten un algo, botarlle un atento ollo, ou dous, ás fotos -infelizmente poucas- de Alberto Pombo alí penduradas.
 

Diário da sombra

Te puede interesar