Sen definirme como nostálxico, debo recoñecer que na cabeza se me acumulan infinidade de recordos dos preto de sesenta anos que levo de vida, desa que poderiamos denominar activa, isto é, con plena conciencia de tal. Unha das vivencias gratificantes daqueles meus felices vinte anos que teño moi presente é dunha actuación de Jorge Cafrune, no Teatro Principal compostelá por volta de 1976 ou 1977. Encantárame “el Turco”, tanto polo que dicía como por como o dicía, coa súa longuísima barba cana e a súa vestimenta gauchesca, chapeu incluído. Evidentemente, no sabería dicir o repertorio que alí escoitei, mais si podo falar de memoria de cancións que teño escoitado infindas veces: “No soy de aquí ni soy de allá”, “El pájaro revolucionario”, “Milonga del fusilado”, “La vuelta del montonero” ou a “Zamba de mi esperanza”: “El tiempo que va pasando/como la vida no vuelve mas./El tiempo me va matando/y tu cariño será, será./El tiempo me va matando/y tu cariño será, será.//Hundido, en horizontes,/soy polvareda que al viento va./Zamba, ya no me dejes/yo sin tu canto no vivo más./Zamba, ya no me dejes/yo sin tu canto no vivo más”. Parece ser que a interpretación desta canción foi o detonante da orde de quitalo de diante. Nun importante festival a xente pediulle que a cantase. El dixo que aínda que non estaba no repertorio autorizado ía interpretala igual porque o pobo lla pedía. E fíxoo. Pouco despois unha camioneta atropelouno e matouno cando viaxaba a cabalo para conmemorar o bicentenario do liberador San Martín. Arxentina estaba gobernada por feroz ditadura militar e todo quedou nun accidente de circulación máis. Era 1978. Pero o que me trouxo Cafrune á cabeza nestes días foron as noticias sobre o bispo de Mallorca, a súa secretaria, o marido desta...
Outra célebre canción do cantor folclórico “jujeño” é esa marabilla titulada “Preguntitas sobre Dios”: Otro día pregunté/-Abuelo, ¿dónde está Dios? /Mi abuelo se puso triste /y nada me respondió.//Mi abuelo murió en las minas /sin dotor ni confesión /¡color de sangre minera /tiene el oro del patrón!//Mi hermano vive en los montes /y no conoce una flor, /sudor, malaria y serpientes /la vida del leñador.//Y que nadie le pregunte /si sabe dónde está Dios: /por su casa no ha pasado /tan distinguido señor...//Yo canto por los caminos /y cuando estoy en prisión /escucho la voz del pueblo //que canta mejor que yo.//Y hay una cosa en la vida /más importante que Dios: /que naide escupa sangre /pa que otro viva mejor...//Que Dios ayuda a los pobres /tal vez sí...y tal vez no... /¡pero seguro que almuerza /en la casa del patrón! “Preguntas de neno impertinente”, pensará calquera da sociedade “benpensante” que nos rodea. Como impertinentes lles parecerán tamén as que os medios lle andan a facer ó bispo de Mallorca, que non dá unha a dereitas nas respostas.
As súas explicacións e xustificacións non as cre nin un neno de chupete con pouca espabilación. Son dunha incoherencia e dunha falta de lóxica absolutas, só crible por quen xa está totalmente metido nesa sociedade á que nos queren conducir a todos, esa masa de xente que non pense e, en consecuencia, que non faga preguntas. Nin a un mesmo. Esquecería, ademais, que a mentira é un dos pecados máis graves dos que se fala na súa relixión? Polo que teño escoitado e lido, ese señor non me parece digno de ter ó seu cargo o coidado espiritual e a dirección e o goberno eclesiástico dos diocesanos. Será por iso que son ateo. Sen esquecermos dúas cousas: que bispo deriva do latín episcopus, procedente do grego, onde significaba “inspector”, “vixilante”, “supervisor”, e que a terceira das acepcións que da palabra recolle o Diccionario de la Real Academia Española é “morcilla grande”.