ESAXERAR AS EXPECTATIVAS

Ocandidato do PP a presidente da Xunta apresentou o contrato con Pemex como se fose un éxito persoal e, como non lle abondou con isto, afirmou que daría traballo para 3.000 operarios durante 30 meses, sen sumar as auxiliares. Evidentemente a construción dos dous barcos hotel é unha boa nova, que reactiva os estaleiros de Navantia e Barreras, porén a carga de traballo é moi inferior á que se deu a entender polo presidente en funcións. O naval necesita dunha carteira de pedidos moito maior e ademais que se sosteña no tempo. Isto non é unha solución, só un parche.

O comité de empresa de Navantia dá a cifra de 350 contratacións para cada barco, e decidiu manter as mobilizacións esixindo a construción do novo dique flotante. Mesmo alguén pouco coñecedor pode ollar que as cifras non cadran co emprego que lle atribúe Núñez Feijóo ao encargo de Pemex. Os dous barcos custan 290 millóns de euros, de contratar a 3.000 operarios durante 30 meses o gasto bruto en salarios chucharía toda a contía. Ninguén pode esquecer que aos salarios, hai que engadir beneficios empresariais, custe de material, gastos de execución, impostos, etc. No naval os salarios representan como media entre o 30% e 35% do custe total.

Parece máis realista, cunha carga de traballo de 1.500.000 de horas a repartir en 30 meses por cada barco, sobre medio milleiro de empregos. A Feijóo debeulle parecer cativa esta cifra e inclinouse por multiplicar por tres. Este xeito de proceder aseméllase moito á promesa que fixo na campaña electoral de 2009 de que ía a solucionar o paro en 45 días, hoxe temos 130.000 empregos menos.

Non é de recibo que se inflen as cifras xerando falsas expectativas, especialmente cando o desemprego é tan alto e está prevista unha caida do PIB do 2 por cento para este ano e o vindeiro. Un presidente debe ser serio e preciso nas súas afirmacións. Asemade, con esta intervención e presentación teatral non se curan catro anos de retrocesos no económico e social, nos dereitos democráticos e nacionais de Galiza.

ESAXERAR AS EXPECTATIVAS

Te puede interesar