O.S.G. Música en estado puro

O teatro “Jofre” quedouse pequeno, no amplo senso da palabra, para albergar o concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia: pequeno no aforo, pois esgotáronse as entradas e tamén no escenario onde algúns músicos quedaron fora do foco ocultos nos extremos do mesmo. Malia esta incomodidade, o concerto resultou excelso. Dous factores influíronnisto: a grande solvencia da formación orquestral e o repertorio elixido, do que a min chamoume poderosamente a atención o “Concerto para violonchelo” de Witold Lutoslawski. E diso desexo falarlles.
Sorprendeume a estrutura do concerto deste músico polaco que , de vivir hoxe, tería cen anos. Se me din que esta composición está asinada por un compositor actual mergullado na música de vangarda,  daríao por certo. En realidade a composición data de finais da década dos sesenta e din as crónicas que foi escrita para o venerado violonchelista Rostropóvich. Ven de ser unha peza de moi difícil interpretación que racha cos clásicos moldes dun concerto.
O chelo comeza o seu discurso cunha sucesión de frases sincopadas, e dicir: rachando coa regularidade do ritmo. As veces forte e decidido e outras case melancólico botando man dos “glissandos”, técnica que consiste en arrastrar o dedo pola corda indo dunha nota a outra pasando por todas as intermedias.  
Johannes Moser amosou unha técnica depurada malia a súa curta idade o que ven de expor que estamos diante dun intérprete que, se non chegou, pouco lle falta para estar no reducido grupodos elixidos.
Ao argumento do chelo contestaba unha sección de metais coma alporizados, coma se non estivesen de acordo co seu discurso. Esas respostas estaban compostas de notas sincopadas e mesmo disonantes que o ouvido percibe con certa tensión e incluso tende a rexeitalas. Pero esa pugna dialéctica vai espertando o interese do espectador ata mergullarse plenamente nela malia a esa sensación de inestabilidade sonora que, coma digo, resulta dura para o ouvido acostumado a outras harmonías. Pouco a pouco a discusión tórnase máis temperada e a orquestra vai acadando outra “cantinela” na que semella que chegan a un acordo. Vana ilusión, pois o conto remata cunha nova e case violente rotura.
Sentín a sensación de que me atopaba diante de algo novo, diante dun compositor adiantado ao seu tempo, fronte a un Picasso da música, dun innovador nisto de colgar notas na rede do pentagrama.  Evidentemente esa foi a miña percepción que posiblemente sexa diferente á doutro espectador. Niso consiste a grandeza da música, que pode avivar distintas imaxes anímicas dependendo de quen a escoite.
 Na segunda parte do concerto volvemos ao clásico. Schumann soou rotundo, pleno, compacto, con ese son que so pode partir dunha formación orquestral moi solvente.  Para nós e un orgullo poder contar cunha formación musical de primeira categoría. Tela aquí preto,á nosa veira,supón un gran privilexio, unha oportunidade de poder acudir aos seus concertos ( eu estou esperando con ansiedade oílaproximamente acompañando ao pianista Michel Camilo interpretando a Gershwin e a Leonard Bernstein).
Agora so cabe esperar que aquilo que tanto traballo custou construír non se veña abaixo con isto dos absurdos e arbitrarios recortes. A ver.

O.S.G. Música en estado puro

Te puede interesar