O ASUNTO DE ASUNTA

Hai momentos nos que un se senta diante do papel en branco e non atopa proposta de argumento para compartir con todos vostedes. Non porque falten temas e si porque os que se presentan diante de un son tan andados e manidos que incidir neles semella unha perda de tempo. Por exemplo: Poderíamos mencionar o asunto dos presupostos que se presentan como as contas dun país sumido na pobreza onde coma paradoxo recórtase de todo pero aparece un aumento do 26% no financiamento dos partidos políticos, das palabras do ministro de Facenda que manifesta que hai que prescindir de 300.000 empregados públicos e se queda tan tranquilo, ou da destrución paulatina e sistemática do emprego aínda que digan o contrario (vexan a proposta do ministro e coma exemplo recente eses 2.000 traballadores de Pan Rico que van ir á rúa) e os miles de traballos que desaparecen cada día en diferentes sectores produtivos. Pero eles erre que erre (ou Ere que Ere), que todo vai ben. En fin, coma son curioso e estou preocupado por estas cousas, o mesmo caerei de novo na tentación de falar delas noutra volta aínda que non sexa politólogo nin teña nas miñas mans a solución a tanto disparate.
Estes días andei dándolle voltas ao asunto de Asunta (outro manido tema), a nena de Santiago presuntamente asasinada polos seus pais, segundo intúese polo lido de cotío na prensa e  escoitado nos medios audiovisuais. E aquí quería chegar eu.
O asasinato dunha nena de doce anos choca de xeito brutal diante de calquera que teña un mínimo de sensibilidade, pero esa emoción vai acompañada dunha notable dose de morbo que certa prensa (case toda) se encarga de administrar, iso si, no seu lexítimo dereito a informar aos seus lectores e na procura de aumentar os seus rexistros de venda. Aquí entramos nun terreo complicado no que a información ponderada e veraz pódese ver contaminada polo sensacionalismo na crenza de que o escandaloso vende máis que o axuizado.
E namentres isto acontece, atopámonos con dúas alternativas: Unha a liña de investigación policial que é a que ten que unir os fíos das pescudas para poñer diante do xuíz aos culpablese outra o xuízo paralelo que inevitablemente se produce cando certos medios de comunicación, ao tempo de intentar informar, especulan e fan conxecturas que transcorren afastadas da propia investigación policial.
O tema aquel dos asasinatos das nenas de Alcacer, ou de Marta del Castillo en Sevilla e agora o de Asunta en Santiago encheron e enchen páxinas e páxinas nos xornais e tamén horas en TV, cuxos canles loitan para encher as audiencias a conta de tirar e tirar do fío ata lindes insospeitados.
Os presuntos rematan sendo culpables moito antes de que sexan xulgados por quen ten a capacidade e legalidade para facelo, e namentres isto dura pois o espectáculo está servido e o “share” de certos programas garantido. Isto é o que hai.
Agora recordo que había un xornal que lle chamaban “El Caso”, especializado en asasinatos, asaltos, etc., que outrora batía marcas de vendas. Desapareceu e non sei por que, pois dada a tendencia hoxe sería un éxito editorial seguro.
Despois de todo, o importante é que a policía faga o seu traballo, dea cos culpables e que estes asuman a súa responsabilidade. E todo isto, a ser posible, sen interferencias.

 

 

O ASUNTO DE ASUNTA

Te puede interesar