Que foi da esquerda hexemónica

Sei que falar de cousas que teñen que ver coas ideoloxías e as crenzas leva a certas e inevitables controversias por aquilo de que nunca chove a gusto de todos. O que está a acontecer coa chamada esquerda hexemónica  descoloca a militantes, simpatizantes e aos medios pensionistas. Parece incrible que se chegara a esta situación de fractura na socialdemocracia, outrora socialismo obreiro español, abrindo con iso a posibilidade de que o neoliberalismo campe polos seus respectos catro anos máis. A min, coma cidadán, preocúpame a deriva do partido socialista porque un partido socialista forte é fundamental para o desenvolvemento político deste país. Se repasamos un pouco a historia e nos vamos ao ano 1974 a Suresnes vemos que naquela localidade francesa tivo lugar un congreso no que participaron socialistas do exilio e do interior, aqueles con ideas sustentadas no socialismo máis tradicional  e estes, os chamados “grupo de los sevillanos”, con propostas renovadoras. Nicolás Redondo non aceptou ser candidato a secretario xeral e a partires de aí xa saben o que foi acontecendo, entre outras cousas que a O de obreiro da sigla do partido se foi convertendo co paso do tempo cada vez en máis minúscula. 
Malia iso hai que recoñecer que a elección do secretario xeral se fixo sempre pola elección directa, individual e secreta de todos os delegados do Congreso como foi o caso de  Pedro Sánchez, que ao dimitir Alfredo P. Rubalcaba é nomeado por elección directa cun 49% dos votos logo de presentar máis de 40.000 avais en pugna democrática con Eduardo Madina e  José A. Pérez Tápias. Ao candidato do PP non o elixiu a militancia nin o delegados, foi Aznar co seu dedo índice. Entre outras cousas e ata o de agora, niso radica a diferenza entre uns e outros.
Daquel congreso no que Felipe González saíu elixido secretario xeral emerxeron moitos compromisos e unha folla de ruta na que entre outras cousas se contemplaba o dereito á autodeterminación das nacionalidades históricas. Hai que ver como foron logo cambiando as cousas, tanto que os nacionalistas e as súas teses, foron o causa fundamental do o desencontro da Esquerda deste país, uns defendendo unha consulta popular e outros proclamando a súa inconstitucionalidade propiciando con elo a situación na que arestora nos atopamos e a desfeita electoral acontecida no PSOE  ao que lle vai custar moito levantar cabeza sobre todo se a vella garda, os baróns, seguen a constituírse nese consello de anciáns cuxas decisións pretenden sexan aplaudidas por unha militancia que supoñen aséptica. Estes baróns foron os que deseñaron esa “evolución” do PSOE de socialismo a socialdemocracia e desta ao social liberalismo, ese que apostará pola abstención que segundo din no é o mesmo que o apoio pero parécense moito. Alguén dixo que o PP e o PSOE son fillos de pais distintos e hoxe case son xemelgos univitelinos, e non lle falta razón visto o que se está a ver. 
Se estou preocupado por como van os acontecementos sen ser afiliado non quero imaxinar como se sentirán os militantes ao comprobar o golpe de man acaecido estes días. Aludindo as esencias do socialismo, non creo que estean de acordo na abstención á investidura de Rajoy e se vamos a unhas terceiras eleccións o estrago pode ser monumental así que a cousa semella estar nunha verea sen saída. É lamentable chegar a esta situación. Tamén os camiños da política semellan ser inescrutables.
 

Que foi da esquerda hexemónica

Te puede interesar