A folga do lixo en Lugo

Van dous meses do inicio da folga do lixo na cidade de Lugo. Resulta evidente que ninguén mantén un paro tan longo se non existen razóns moi fortes, máxime cando se trata de asalariados cuns ingresos e condicións laborais que non son nada do outro mundo, aínda que hoxe hai moitos que pensan que só polo feito de traballar as persoas xa deben dar grazas e aceptar calquera condición laboral... Se cadra nesta consideración tan primitiva, e ademais funcional á cobiza empresarial, estea unha das razóns polas que esta folga se alongou tanto, e porque a dirección de Urbaser está pechada a calquera solución que non pase pola claudicación do persoal.   
Tampouco a alcaldía de Lugo axudou a atopar unha saída. A brincadeira de Orozco ameazando Urbaser cun resgate da concesión tiña como única finalidade xustificar que a empresa utilizase esquirois en substitución dos folguistas.
Por iso, unha vez aliviados os puntos negros do lixo na cidade a ameaza de resgate da concesión ficou en ren, e a presión sobre a empresa desapareceu.
O alcalde empregou un dobre xogo, ou sexa: para alén das boas palabras para a galería, na práctica facilitou a utilización de esquirois, coa protección da policía local. Deste xeito freaba o reaxer social pola acumulación de lixo, e reducía os efectos do paro arroupando á empresa. Mesmo, para lle restar importancia pública ao conflito, afirmou que folga aumentou o turismo.
Lembrar que a empresa despediu a 12 traballadores o primeiro día do paro. Estes foron readmitidos; porén ao pouco procedeu a 11 novos despedimentos (o Comité de Folga) e a sancionar 78 operarios. Son feitos que amosan que, de partida, é refractaria á negociación.
As reivindicacións dos operarios/as radican especialmente: no aumento dos salarios (aceptarían que fose lineal e gradual nos tres vindeiros anos); e na esixencia de que as vacantes sexan cubertas polo persoal con contrato a tempo parcial (fins de semana), e cambios na xornada daqueles que traballan de luns a domingo. Estes últimos son aspectos nos que a empresa mantén maior oposición. En resumo, unha folga que reflicte que a conflitividade laboral é cada vez máis tensa.

A folga do lixo en Lugo

Te puede interesar