Coa corda no pescozo

A Comisión Europea esíxelle ao Estado español para este ano un novo recorte no gasto de 8 mil millóns de euros, co obxectivo de que cumpra o déficit pactado. Este non se respectou porque o Goberno fixo rebaixas fiscais no 2014 como engado electoral. É o caso da redución do IRPF, especialmente para os sectores con altos ingresos, da tarifa plana na Seguridade Social para os novos contratos e autónomos, e da rebaixa no imposto de sociedades. O incumprimento non se debe a un aumento do gasto social ou dos investimentos, senón a un recorte dos ingresos fiscais. De seguir no goberno o PP, ou outro partido da dereita, con toda seguridade a postura será aceptar as decisións de Bruxelas, coas que no fondo coinciden, aínda que ás veces consideren que non é o intre oportuno para as levar adiante. 
A Comisión Europea dixo que estaba á espera, co descontente de Alemaña, da elección do novo Goberno para manter unha reunión sobre o tema, e xa adiantou que se imporá unha multa do 0,2% do PIB (2 mil millóns de euros) e mesmo poderíanse perder este ano “axudas”. Lembremos que os países da UE son os que aportan estes fondos, que despois a Comisión distribúe. En poucas palabras, Bruxelas está a meter baza nas eleccións dando por sentado que non vai existir negociación do axuste, sexa cal for a cor do vindeiro Goberno. Esta é unha actitude lóxica, aínda que totalmente retrograda por parte da Comisión, se temos en consideración os intereses que defende e cal foi a súa actuación con respecto a Grecia. Non esquezamos que as políticas da UE non só inciden sobre o equilibrio fiscal senón tamén sobre as condicións laborais, gasto público, comercio exterior e política monetaria.
Resulta imposíbel realizar cambios a prol das clases populares nun marco económico-social e político que ten a tendencia contraria. Isto é certo mesmo naqueles países que hai poucas décadas eran paradigma de avances no laboral e social. Para poder avanzar en dereitos, a esta altura e neste contexto, cómpre rachar amarras, saíndo da OTAN e do euro, e impedindo os tratados de libre comercio. Aínda que esenciais, todo indica, que non serán os únicos cambios a realizar. 
 

Coa corda no pescozo

Te puede interesar