MARTIRIO E BOICOT

Por terse atrevido a investigar e averiguar o paradeiro dos desaparecidos durante a guerra civil e a ditadura franquista, o xuíz Garzón sentará desde hoxe como acusado ante o Tribunal Supremo. As querelas presentadas polos ultras de Manos Limpias e Falange Española tiveron eco no xuíz Varela, o instrutor do caso, que lle acabou atribuindo a quen fora compañeiro e amigo un delito de prevaricación. Seica por facelo a sabendas de que non tiña competencias para unha tal iniciativa. Pouco importa que das dilixencias practicadas ata entón se lles puxese nome por vez primeira a un total de 114.266 desaparecidos. E que houbese á fin quen se atrevera a sacar a España e á xustiza española do pozo das sospeitas, por ser o único país de entre os que sufriron o fascismo que nunca lles concedera ás vítimas esa mínima reparación. Nin que se poideran interpretar esas dilixencias previas dacordo cos tratados internacionais que ratificou España polos crimes contra a humanidade.

Nada que non fosen as retorcidas querelas de dúas organizacións emparentadas cos ideólogos desa ditadura tivo valor algún para o instrutor. Cantos teimamos en que é na inmunidade da que gozaron e gozan os protagonistas daquela criminal fazaña –morto Fraga, aínda quedan os do segundo escalón–, e tamén no desdén polas vítimas, onde mellor se amosa o que a Transición tivo de inmodélica, temos nesa sala do Supremo un decisivo indicador. Coñecendo a traxectoria do xuíz Varela, dificilmente pode un aceptar o seu argumentario acusador sen deixar de ver na súa actuación ámino persecutorio. Non consigo explicar doutra maneira a errónea interpretación que, segundo expertos independentes, fai tanto da lei de Amnistía do 77 como da lei de Memoria Histórica de 2007. Velaí que acabe calificando de prevaricador algo tan de xustiza como o “afán de asumir o control das localizacións e exhumacións de cadavres de vítimas”. Nin os vicios procesais nos que cae ao orientar a Falange e Manos Limpias para que subsanen erros de bulto nos seus escritos contra Garzón.

Tendo en conta a simultaneidade das causas contra o xuíz -a das escoitas do falado entre os encarcelados da trama Gürtel e os seus avogados, porque segundo a policía seguían branqueando diñeiro contando co auxilio destes últimos; a rocambolesca teoría de terse vendido a Botín por tres conferencias, e sobre todo a da memoria histórica-, quedan poucas dúbidas do que aparenta ser unha cacería xudicial. Vendo como se aplican o franquismo sociolóxico e a prensa do réxime en forzar a súa morte civil, esváense esas poucas dúbidas. Que os que en tempos do GAL e da operación Nécora o subiran aos altares como ‘campión das liberdades’ sexan os que agora o degradan coa escusa dun protagonismo desmedido, forma parte activa dese linchamento. O corporativismo e a envexa explicarían a carraxe contra el desde o ámbito da xustiza.

Garzón tivo actuacións que deixaron en evidencia o seu rigor procedimental, pero iso non xustifica o seu martirio xudicial, e moito menos o que ese acomodaticio argumento ten de enmascarador. Non nos engañemos. O que está detrás desa teatralización xudicial é a decisión de boicotear todo o que leve a facerlle xustiza aos asasinados e perseguidos por defender a democracia. España e a xustiza volven estar, unha vez máis, no retrete do mundo democrático. Lean a súa prensa, e verán.

 

MARTIRIO E BOICOT

Te puede interesar