HERNÁNDEZ E FERNÁNDEZ

Ou Dupont/Dupond na versión orixinal dos diferentes álbumes de Tintín, personaxe tan icónico xa do século XX como persoeiro artístico deste tempo ven sendo o seu criador, Hergé. Hernández e Fernández, reitero a traducción española “canónica”, a de Concepción Zendrera, na que nos iniciamos moitos no mundo tintineiro, eses dous policías badulaques, parviños sempiternos, non teñen unha orixe nidia. Poden vir de calquera parte, sempre a canfurnar entre os delincuentes que se lles van das mans, e eles eternas vítimas das súas propias falcatruadas.

Ora, o que non hai dúbida é que son irmáns. E xemelgos, como chega denominalos o Capitán Haddock, a competir con eles en zoupadas. Por iso fiquei sorprendido cando a uns concursantes de “Atrapa un millón” (Antena 3), ese concurso televisivo no que a metade é o seu presentador, Carlos Sobera, o da cella fruncida, o que pon os brazos de árbitro de fútbol para dar paso á seguinte pregunta, non se lles aceptou como válido o parentesco de Hernández e Fernández.

Argumentándoselles que a relación sanguínea entre estes policías de opereta é ningunha. Os concursantes, había cartiños polo medio, quedaron “bocas”. E eu tamén. Así que, sen ir máis lonxe, botei man do imprescindible “El diccionario de Tintín” (Juventud) de Toni Costa. Para confirmar que os dous pallasos (do circo de Hiparco, na lúa) son tan xemelgos como Cástor e Pólux. E moito máis divertidos.

HERNÁNDEZ E FERNÁNDEZ

Te puede interesar