staba visto, a deriva de décadas dunha forza política non é tan doado de corrixir, daquela que máis unha vez o PSOE estea a buscar as escusas para dar unha de cal e outra de area, na procura de reducir a oposición social ás medidas de axuste coas que condiciona a UE as axudas e prestamos, pola pandemia do covid-19. Así mentres se puxeron en práctica os ERTEs, e mesmo se estenderon para evitar os despedimentos masivos, tomáronse medidas para alongar as subvencións de desemprego a certos colectivos, e atendéronse as situacións máis estremas co IMV, todas executadas con moitas eivas, ademais, ao mesmo tempo íanse adiando as promesas electorais. Non se desbotaban, mais seica non é o momento, nen das derrogacións laborais, nen do aumento de impostos ás corporacións e ás grandes fortunas, nen da mesa de negociación con Cataluña.
Se algo chama a atención é como dende o Governo, para satisfacción da oposición de dereita, de vagar vai inserindo novas perspectivas sobre estes temas chaves, por exemplo nas pensións. Agora, segundo o ministro, seica o sistema non é viábel sen o adiamento da idade de xubilación e a penalización das xubilacións anticipadas. A escusa é que as persoas gozan máis anos das pensións por mor de que aumento a idade de vida media, a iso sumaríaselle a crise económica cunha taxa de actividade máis baixa. A esta argumentación sumase o Banco de España que “casualmente” sempre apoia todo aquilo que concentre e centralice a riqueza.
Agora ben, os últimos estudos consideran que idade media de vida comezará a baixar no futuro. Asemade obviase que as cotas da seguridade social para as pensións estanse utilizando tamén para incentivar os contratos fixos, pagar pensións non contributivas e o déficit doutros sistemas non asalariados. Ademais, hai un tope para o desconto da seguridade social, cando as persoas con maiores salarios teñen unha media de vida moi superior. O Governo debería comezar por realizar estas correccións tan evidentes. Tampouco se pode esquecer que os salarios medios baixaron, como consecuencia das reformas laborais e todo tipo de mecanismos coercitivos, que hipotecaron salarios e condicións laborais; ademais realízanse moreas de horas extras polas que non se paga e cotiza e que non recollen axeitadamente as estatísticas. Todo é un conxunto, e cando as reformas son parciais terminan sendo parches conxunturais que o tempo converte en ineficaces, só serven para lubricar a tendencia dominante. En resumo, cartos hai, o que sucede é que están mal repartidos.