Río Parga

Cumpríronse xa vintecatro anos dende aquel percorrido polas fontes deste río nunha xornada inesquecible. Escribín entón as miñas impresións nun artigo que foi publicado en Lugo, exactamente o 2 de maio de 1990. Foi aquela a ópera prima dos meus apuntes publicados no xornal.
O Parga nace nos altos da Cova da Serpe e recolle entre outros afluentes, o regato da Fábrica, o río dos Boedos de Guitiriz e o rego de Mariz. Por todos eles andei eu neste meu afán polos ríos, as fontes e os camiños. Hoxe vouvos falar do que poderiamos chamar a parte alta do río, augas abaixo da ponte de Parga. Alí nunha fermosa carballeira celebrase tódolos meses unha famosa e secular feira onde é tradición degustar o polbo fervido en típicos caldeiros de cobre. A ela adoitaba ir meu avó, o vello Bergantiños, que era como o personaxe de Valle-Inclán, católico e sentimental, non feo porque ao dicir das polbeiras, era o home máis guapo do mundo.
Á beira da Nacional VI, a uns cinco quilómetros de Guitiriz, un paso a nivel sen barreira atravesa a vía do tren e nos leva a unha paraxe de singular beleza conformado por unha ponte, unha represa do río, unha capela, unha fonte e un cruceiro.
A ponte de San Alberte, medieval de orixe romana, reformada nos séculos XIV e XVIII e recentemente restaurada, pola que discorre o Camiño Norte de Santiago e que foi paso do Camiño Real entre Madrid e A Coruña, deixa pasar baixo seus centenarios arcos oxivais as augas da represa do mesmo nome.
Cen metros máis adiante, agachada nunha mesta carballeira atópase a capela de estilo gótico do século XIV dedicada ao santo, un cruceiro renacentista e moi preto, os restos do que foi outrora hospital de peregrinos
A fermosa fonte renacentista na entrada ao adro, bota incansable auga disque con propiedades beneficiosas para a fala. En voz baixa cóntase tamén que é escenario de posesións diabólicas, de meigas, de trasnos e doutras bruxerías. En calquera caso a paraxe ideal co lusquefusque e co murmurio do río como música de fondo faime evocar a Negra Sombra que é sinal de identidade de nós os galegos.
Si cantan es ti que cantas
si choran es ti que choras...

Río Parga

Te puede interesar