Día das Letras Galegas. O vergonzoso esquecemento de Carballo Calero

Desde o ano 1963, data na que se cumpriu o centenario da publicación de “Cantares Gallegos”, o 17 de Maio celébrase o Día das Letras Galegas, o primeiro deles dedicado precisamente a Rosalía de Castro. 

Nas cincuenta e seis edicións celebradas ata de agora tan só catro mulleres atinxiron este galardón, mentres que non foi nomeado ningún escritor natural da Terra e Mar de Ferrol. 

Hoxe temos que lamentar o novo e vergonzoso esquecemento do ferrolán Ricardo Carballo Calero, a pesares dos seus recoñecidos merecementos e da entidade dos seus abondosos traballos, bastante máis meritorios que os dalgúns premiados de obra pouco coñecida.

Ricardo Carballo Calero foi membro da Real Academia Galega e do Instituto Padre Sarmiento. Foi profesor da Universidade de Santiago, sendo o seu primeiro catedrático de Lingua e Literatura o ano 1965. A súa ampla obra literaria inclúe ensaio, crítica literaria, poesía, teatro e novela, colaborando en numerosas publicacións e medios de comunicación.

No eido da literatura en prosa e do teatro unha serie de obras como “A gente da Barreira”, “Scorpio”, “A sombra de Orfeu”, “Anjo de terra” ou “Os señores da Pena” son mostras do seu labor de creación, dos seus proxectos da actualización da narrativa e da construción dun teatro galego. A súa abondosa obra poética está recompilada en catro volumes: “Pretérito imperfeito”, “Futuro condicional” “Cantigas de amigo e outros poemas” e  “Reticencias”.

Os seus traballos no campo da filoloxía, na súa dobre vertente de crítica literaria e de estudo da lingüística, foron de gran importancia e están compilados en varios volumes. A súa monumental ¨Historia da Literatura Galega Contemporánea”, de abondoso aparato documental, está recoñecida como unha obra fundamental para o coñecemento da literatura galega. 

Falecido o ano 1990 en Santiago, como pasou con outros ferroláns ilustres, a obra de Carballo Calero atópase fóra de Ferrol. O ano 1997 foron entregados no Parlamento de Galicia o conxunto dos seus numerosos fondos documentais e bibliográficos, incluídos os orixinais das súas publicacións.

Nos anos finais da súa vida espertaron unha grande polémica as súas teorías e traballos sobre a reintegración do idioma galego ao ámbito lingüístico galego-portugués do que procede, en colisión coa normativa oficial da lingua galega, mantendo o ferrolán unha postura se cadra discutible, pero lexítima. 

Non obstante, Ricardo Carballo, home integrador e xeneroso, mesmo durante os seus anos anos de illamento, estivo sempre por riba dos polemistas dun e doutro signo.

Carballo Calero non foi quen de ser nomeado para o galardón das Letras Galegas con Xosé Ramón Barreiro, Méndez Ferrín, Alonso Montero, por outra banda tan amigo de visitar esta cidade, e Víctor Freixanes ao fronte da Real Academia Galega. Esta entidade, da que foi membro correspondente Ricardo Carballo desde o ano 1958, debería explicar publicamente as razóns deste vergonzoso esquecemento. 

Por outra banda, as persoas e as entidades tan defensoras elas de Carballo Calero na vez de apremar a compra dos desleixados restos da súa casa natal de Ferrol Vello, deberíanse preocupar de erixir un monumento de categoría, como o que ten en Santiago e noutros lugares, e colocalo na súa memoria na Praza Vella, preto da que foi a súa vivenda.

Día das Letras Galegas. O vergonzoso esquecemento de Carballo Calero

Te puede interesar