Corrupción low cost

|

Esta vaga de corrupcións que aflora polos recantos galaicos non é nova, nin sequera vén dos tempos de bonanza económica, senón que case forma parte do DNA autóctono, porque, como se vai sabendo, os subornos e compra de favores son de baixo nivel, low cost ou de andar por aí. Mentres noutros lugares o prezo de venda de influencias está en traxes de alta costura ou en viaxes exóticas, por aquí nos ofertamos por unha botella de viño ou o que é peor por champán do caro, cando é sabido somos alérxicos a eses espumosos e o máximo que toleramos é a sidra achampañada.
Canto máis se baixa na administración, máis lixo se encontra e non só nos contratos de recollida de residuos. Calquera concelleiro é un prevaricador en potencia, sobre todo cando se encontra fronte a fronte con miles de euros e co poder de decidir a quen llos dá. Así que o pobre home ante un agasallo de cen euros e nada, non ten moitas dúbidas, sobre todo se a negociación faise na barra dunha taberna ou ante un mantel de papel. Hai moito vicio en negociar contratos en restaurantes, a min pasoume máis dunha vez, cando presentas algo interesante nun despacho oficial a seguinte reunión xa vai baixo mesa de comensal.
Son dos que teñen a opinión que estas corruptelas teñen a súa orixe na descentralización administrativa. Ir a Santiago a negociar calquera asunto non é o mesmo que ir a Madrid. Antigamente sempre se producía dúas ou tres veces ao ano unha peregrinación do alcalde con tres concelleiros de confianza que pasaban uns días na capital do Reino visitando a catro xefes de negociado para entregar documentación e de paso vivir a noite en cabaretes ou en funcións de Lina Morgan e algunha escapada a Coslada ou a zonas de revista. Por suposto que ían en coche para parar en canta taberna había pola nacional e para comprar mantecados de Astorga ou calquera outro produto que encontraban polo camiño. Con desfogarse unha tempada xa era máis que suficiente para os antigos autarcas, pero agora, con iso da globalización, non poden nin saír do seu concello.
Tampouco se entende que calquera concello galego de tres centos habitantes teña que ter os mesmos servizos que unha gran cidade. Debería dispoñer de menos, pero de máis calidade, pero non é estraño que un municipio posúa unhas cantas rúas centrais con sistema de aparcamento limitado no tempo, pero hainos, como existen outros que non exercen nin a máis mínima actividade, todo está privatizado ou externalizado e o único que hai é persoal administrativo. Non se entende.

Corrupción low cost