SOBRE O “LAISSEZ FAIRE” TOPONÍMICO

Nin haberá de ser a primeira nin a última vez que toquemos o asunto toponímico desde estas mesmas páxinas. En novembro do ano pasado, faciámolo con A curiosidade polo nome dos lugares. E é que algo temos aprendido desde que en 1989 nos puxeramos a traballar sobre a toponimia de Fene co propósito de fixala nas súas correctas formas e rescatar os nomes en risco de desaparecer debido a diferentes causas. Así pois, saudabamos nesta achega de novembro a publicación do libriño Toponimia de Canido que viña de levar a cabo o alumnado e o profesorado do instituto deste mesmo barrio, en colaboración coa Asociación Cultural Muíño do Vento. Da iniciativa, de indubidábel interese, salientabamos a relevancia de ter seguido os pasos de maneira rigorosa para tentar recoller os nomes do lugar, quer no traballo de campo, quer no labor extralingüístico, quer no de plasmación sobre o papel para deste xeito seren fixados os nomes. 
O chamado “Proxecto Toponimia de Galicia”, nado no ano 2000, foi promovido pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galiza para tentar catalogar, conservar e estudar os nomes de lugar do noso territorio. De tal xeito, e á calor deste, téñense promovido desde aquela varias iniciativas, tamén pola nosa comarca. A Asociación Cultural Columba de Covas, p.e., teno realizado coa toponimia da súa parroquia, e igualmente o concello fenés, vindo a redondear o seu nomenclátor toponímico grazas ás bases que xa previamente foramos asentando. De igual sorte, o traballo realizado polo instituto de Canido, tamén botou man, á fin e ao cabo, do Xeoportal SITGA-IDEG, do “Proxecto Toponimia de Galicia”, dependente da Comisión de Toponimia. En defintiva, que gozamos duns extraordinarios recursos para podermos traballar neste feraz campo toponímico trazado por millares de nomes de lugar (macro e microtopónimos), favorecido pola dispersión habitacional, pola enorme fragmentación da terra, pola orografía tan irregular, variada vexetación, etc., así como pola idiosincrasia que nos é propia. 
A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, é a que fixa o marco para o uso oficial do galego en diversos ámbitos. Nela contense a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega. Así pois, no seu artigo 10 estabelece que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega” e que “corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza. O nome das vías urbanas será determinado polo concello correspondente”. É con posterioridade cando nace a Comisión de Toponimia a través dun novo Decreto, ampliado con posterioridade e amparado por medio do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 e que os RD de 2004 e de 2007 do Ministerio de Fomento recollen no seu Nomenclátor Xeográfico Nacional como toponimia oficial. Quérese dicir, dotámonos dun articulado legal, unanimemente aprobado, que deixa ben claro como teñen que ser recollidos os topónimos do noso país: na súa única forma legal, a galega!   
Baste prestarmos atención a algunhas rotulacións de distintos viais do noso concello para acharmos toda unha chea de sorpresas. Por exemplo, *La Malata, na FE-15 ou *La Cabana, na Estrada da Graña ou DP-3608, ou sexa, tanto nunha vía pública dependente do Mº de Fomento como noutra, da Deputación. Outros dous casos, *Cobas –na CP-3607, a que circula por baixo do piñeiral das Cabazas–, *Santa Cecilia –no Camiño do Escorial– e *San Juan –na Avenida de Santa Mariña–: no primeiro, suplantando a correcta escrita de Covas; no segundo, en vez da forma galega Sant Icía; e no terceiro, en vez de San Xoán. Existe outro grupo de indicadores que denominaremos como esperpéntico: desde o que contén a forma errada Centro *Urbán (por Urbano), aos outros dous –formas gaélicas talvez?!– *O’ Sino e *O’ Gollo, o primeiro no acceso desde a FE-15 até a Estrada Alta do Porto, e os outros, na propia FE-15 o primeiro, e baixando a Costa do Raposeiro, xa na vella Estrada da Malata que vai para os Corrás, o último. 
Como sucede con tantísimas outras cousas no noso país, son evidentes as mostras de disfunción, abulia ou “laissez faire” sempre que se trate daquilo que teña a ver co idioma propio. 
Esa sorte de ‘valetodo’, contravendo normativas e leis, condúcenos mesmo a situacións francamente chocantes como estamos a ver. Con todo, podémonos consolar con que isto é cousa común a toda Galiza. Que, por outra parte, que estrañeza nos ha de causar cando nin coa Lei de Memoria Histórica se impide que no viario do Arsenal haxa nomes como Glorieta del Generalísimo, Almirante Carrero Blanco ou Salvador Moreno Fernández. Claro que desde o propio Concello de Ferrol (váiase a saber o porqué) se ten pasado por alto que existe no seu viario, entre o vello cuartel do exército de Canido e as casas da Garda Civil, tamén unha rúa Virgen de la Cabeza. E a quen botaremos as culpas?
 

SOBRE O “LAISSEZ FAIRE” TOPONÍMICO

Te puede interesar