Un comezo de adeus para Mandiá e Marmarcón

Na vida todo ten un principio. Un percorrido no tempo. E, logo, tamén hai un correspondente final. E van alá vintedous anos. 
Nas dioceses de toda España estase a dar unha reorganización moi seria e fonda. Non hai sacerdotes para as parroquias. A maioría, son moi idosos ou faltos de saúde. Ás veces a situación é patética. Incluso dán lástima.
O bispo de Mondoñedo-Ferrol anunciou para setembro a posta en marcha desa reforma. Nós pertencemos á zona rural de Ferrol onde o resto desas parroquias xa levan anos funcionando así conxuntamente. Agora tócalle a Mandiá unirse a elas. Por idade, eu estou de saída. Son xa case 82 anos. 
Baltasar Gracián en El arte de la prudencia di: “Atención a los finales. Hay que poner más cuidado en un final feliz que en una aplaudida entrada”. “No esperes nunca a ser un sol que se pone. Es una máxima de los prudentes: Deja las cosas antes de que ellas te dejen. El prudente jubila su caballo de carreras con tiempo. No aguarda a que caiga y se rían de él en medio de la prueba. Saber retirarse cuando aún se está ganando es lo que hacen los jugadores profesionales”. Saber irse a tempo. 
A miña saúde desde outubro deu un baixón considerábel. En Nadal estiven hospitalizado. Noto mingua nas miñas forzas. Así mo insinuades con frecuencia e delicadeza moitos de vós. A xente quere persoas con saúde física e mental e que lle solucionen axiña “o seu”. É así a vida! Non cadraría chegar a oír, con razón ou sen ela, como facía Aznar: “Váyase, señor González”. 
Curso de Actualización Teolóxico Pastoral. Universidade Pontificia de Salamanca, sección de Madrid. Reciclarme para esa cuarta idade: unha nova xeira na vida, con limitacións. Pero hai voluntariados, coma o do cárcere, etc. E así socializo a pensión que entre todos me estades a pagar.
As contas da parroquia están moi en positivo. Grazas ao Consello Parroquial que traballou con acerto, moi ben e gratuitamente. O templo: acabadiño de pintar por fóra e en conciencia. Por dentro non está mal. Nestes anos fixéronse moitas melloras, incluída a restauración do retablo. O cemiterio, ben reordenado e moi atendido pola Comisión. Dando conta puntual de toda a xestión nas asembleas anuais.
O resto dos grupos: liturxia; catequese; celebración do domingo; grupos de formación; atención a enfermos e coidadores; acollida, escoita activa e seguimento en procesos de acompañamento de persoas e familias nos seus momentos difíciles e de superación de loitos, etc.; excursións curtas, para que poidan ir incluso con calquera discapacidade; excursións culturais longas e peregrinacións, para fomentar a apertura a outras realidades e aprender a descansar e alimentar a amizade; as convivencias con maiores: dúas veces ao ano, maio e outubro, para non perdérmonos as caras cando xa a idade nos ten recluídos nas casas; etc. Todo está en funcionamento, grazas a que hai distintos grupos de vós que pon alma, vida, traballo, iniciativas e amor para facérmonos a vida algo máis feliz. Pola miña parte, toda gratitude será sempre pouca. Eu fun feliz convosco. E vós comigo?
A miña relación económica convosco. Sabedes que eu vivín sempre do meu traballo persoal de enfermeiro. Foi unha opción persoal moi pensada no seu día. Iso permitiume ser sempre absolutamente gratuíto para as persoas e as parroquias. E para poder acreditar isto de forma fidedigna sempre fornezo de combustíbel o meu coche en Alcampo a cargo da miña tarxeta persoal. Os servizos que preste con el, sexan persoais ou a favor da causa que sexa, son á miña conta. Por outra parte, sempre contribuín economicamente co que puiden e fixo falta. Canto se ingresa no templo vai para a parroquia. Neste senso voume moi tranquilo. Son socio das dúas Asociacións de Veciños, como debe ser, e penso que deixo as miñas cotas pagadas ao día de hoxe.
Que teño que pedir desculpas por moitos detalles, brusquidades, etc., incluído o ser daltónico? Pois non serei eu dos que fican atrás á hora de pedir perdóns. Cando se precisou algunha aclaración fomos dialogantes. Sempre me sentín querido. Teño publicados artigos e traballos que acreditan que vos quero moito a Mandiá, a Marmancón e a toda a xente. Por iso son moi partidario das asembleas, onde, falando democrática e civilizadamente, sempre se pode arranxar todo. Desexo ter dúas asembleas convosco: a primeira na igrexa de Mandiá o martes 4 de setembro ás oito da tarde. E a segunda, en Marmancón, na asociación de veciños de Papoi o venres. tamén ás oito da tarde.
 

Un comezo de adeus para Mandiá e Marmarcón

Te puede interesar