DE ELECCIÓNS E DE OUTONOS

Todo cheiraba a eleccións anticipadas. Era a crónica dunha anticipación anunciada. Nada pinta ben e Feijóo sabe, mellor que nadie, que virán tempos peores. O PP e Feijóo son parte do problema e non poden presentar unha tarxeta positiva destes catro anos, nunha comunidade que vai costa abaixo en tódolos indicadores da macro e a microeconomía. Feijóo non pode falar nin de logros nin de xestión, só de recortes.

O anticipo semella que beneficia a todos. Aos que gobernan, porque deixan de anunciar e aprobar malas novas durante un tempo. Aos da oposición, porque deixarán de mirarse o seu embigo e mirarán cara a cidadanía para crear alternativas, xa sexa coas primarias sen facer, como lles pasa a algúns, ou divididos en varios trozos con diferentes liderazgos, como lles sucede a outros.

Pero os partidos deberan reflexionar e escoitar a mensaxe da cidadanía: queremos outro modo, outras maneiras, outros perfís. É preciso recuperar a fé na política, que é a clave de arco da convivencia, pero para elo precisamos talantes e talentos. Menos liderazgos artificiais de equilibrios milimetrados de territorios e estratexias para controlar maiorías, e máis cidadanía, sociedade, e máis representatividade.

E sucederá no outono. Un tempo que invita ao recollemento e a melancolía. Pero tamén, un tempo de oportunidade para a alternativa e o cambio de trazada. Galicia debe recuperar vento como sexa. Precisamos horizontes. Con realismo, sen demagoxias e con criterio. E sen Collartes, deputado do PP famoso por non chegar a fin de mes. Sería bo xerente pero é un mal político. A credibilidade política e os cidadáns non merecemos esto.

DE ELECCIÓNS E DE OUTONOS

Te puede interesar