Antes que ser escravos, irmáns, irmáns galegos! que corra o sangue a regos dende a montaña ó mar. Así dicía o retrouso do himno do movemento agrario para o que Ramón Cabanillas, (o grande poeta social, egrexio fillo do Cambados probe e fidalgo e soñador), compuxera o poema Acción Galega aló polo 1917. Antes que ser escravos, ecoa aínda o verso do que fora deputado nas cortes de Madrí. Poema que faz parte do único livro galego de poemas exclusivamente sociais que leva por título toda unha definición de Galiza que lle acae aínda hoxe,un cento de anos despois: Da Terra Asoballada. Porque incluso Curros en Aires da miña Terra entretecera algúns poemas íntimos como o do filliño que lle morrera. Mentres que o de Cabanillas era un acio de poemas de enteiro amor a Galiza.
Moitos dirán, e máis trala lei mordaza, que este hino é aguilloador da violencia. Na primeira estrofa: Dende Ortegal ó Miño a folla do fouciño fagamos rebrilar! non verán no cintileo da folla do fouciño unha sementeira máis. Quererán ver unha ilícita violencia. Non quererán ver na arma da media lúa labrega unha defensa do dereito á vida do povo galego. Porque os colonizadores sempre pendulan entre o apoñerlle de manseliños ou de bravos aos colonizados segundo a súa comenencia. Na segunda estrofa xa se venta que é que provoca o brilo do fouciño: Que vexa a Vila podre, coveira da canalla, a Aldea que traballa disposta pra loitar! Catro versos requintados que enxergan cinco séculos de historia. A coveira da canalla, os ladróns feitos siñores que se fan caciques da vila podre como uns sangumiños, esa esterqueira goio de cobras e niñal de sapos, apodrecido ventre dunha España!, como di máis adiante no poema adicado a Basilio Álvarez, o agrarista. A rosa vermella da dor da Terra ferida i escravizada.
Porque non há cicais no mundo povo máis fondamente cooperativo e pacífico có galego. Mais tampouco houbo povo no mundo máis luitador. A perseverancia, a firmedume dos bois non foi nunca a mansedume que nos pintarraxaron. E a pesares diso, da nosa luita secular seguimos co sanbieito do lirismo covarde ou apático. Seguimos sen ser quen de artellar unha nazón de seu. Nós, que fumos as comunidades rurais-Estado máis perfectas e independentes da Europa!. Por iso é que levamos nunha man a fouce e noutra man a oliva ao cantar o dereito a livre, nova vida. A oliva para o compañeiro, para a nazón que vén a nós en pé de igualdade. A fouce para o nemigo, para a nazón avutre que vén a nos aferrollar!.Galiza liriépica!. Porque o día do Medulio con sangue quente e roxa mercámo-lo dereito a livre, honrada chouza!. Porque validos de treidores, a noite da Frouseira a patria escravizaron uns reises de Castela. Porque un Balboa da Edá Media,no poema A Cadea, tamén titulado O que non morreu, señor de forca e coitelo puxo un remache na terra i outro nas costas dos servos. Alí están aínda os Balboas, graníticos, inmobilizando o tempo da nosa nazón, na fermosa praza do mercado ou de Fefiñáns, en Cambados.
Os Balboas, na inmobilidade da tea dos nosos soños que non se move, gardando os sepulcros nobres con maza e escudo, a nos lembrar aos galegos de hoxe que se Cabanillas resucitase aquí e agora volvería a escrever Da Terra Asoballada, sen mudar nin unha palavra! Cen anos despois!. Cen anos despois os gandeiros seguen de ruada polo dereito a produzir cun prezo do leite xusto. Cen anos despois as rías son esterqueiras dos lobos caciques e lobbis estranxeiros que son a tirarlle a riqueza ao noso mar de adentro. Cen anos despois as enerxías suxas enchen os petos dos Balboas: a planta de gas de Mugardos na ría de Ferrol, Alúmina aluminio en San Cibrao, as centrais térmicas de Meirama e As Pontes...Fannos dependentes para abastecer o mercado español. Como veñen a dizer na asociación Véspera de Nada, importamos materia prima para produzir unha enerxía que logo vaisenos polos sumidoiros da sociedade do despilfarro de fóra. Asoballar vén de avasallar. De sermos vasalos dos señores de forca e coitelo. De vexación, de humillación. Os romeiros poden irse detendo nas moreas de milladoiros ou humilladoiros da patria. Mais que pedras son pedradas. Mais tambén asoballar é tripar un terreo sementado sen ter coidado ningún. E Galiza é hoxe un terreo sementado por mans alleas que respostan a segredos intereses alleos que non teñen nin un intre nos telexornais. Dende tirar o monte galego ao monocultivo do eucalipto e o lume até agasallar dende as institucións ás empresas avutres das patrias limpas que procuran esterqueiros de cianuro nos terceiros mundos da Europa. Corcoesto, Monte Branco de Pondal, mina de ouro de balde. Contaminación criminal regalada. Fragas do Eume, o mellor bosque atlántico da Europa, un exemplo claro: acosado selvaxemente polo eucalipto e a minería destructiva, mina de andalucita. E unha longa ringleira de elos na cadea que nos ata.
Antes que ser escravos... a Galiza mártir. E mártires temos dabondo porque Galiza é unha colonia criadora de mártires maiormente, mais de mártires esquecidos polo seu proprio povo, cicateados dende o poder silandeiro. Dende os mártires de Carral, os da primeira revolución liberal de Europa até os da guerra civil, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda...pasando polos milleiros de anónimos galegos soterrados por montes e gavias. Aramos sobre os mortos nesta terra e o noso pan ten un sabor de ósos irmáns...que versava o exiliado Lorenzo Varela. Tiña, así, en pasado, porque hoxe o pan xa non é galego de seu. Xa os galegos non somos autárquicos minifundistas. Quen nos dera! Xa temos cereais alleos, híbridos ou pior, transxénicos. Xa mercamos pan de raros levedos ou baguettes conxelados. Xa non ten o pan galego o saibo doce e ousado de ósos irmáns! Nin xiquer o da Real Vila de Neda que abastaba ás tropas imperiais tamén con bolachas, que non galletas. Porque galhetas son corvos mariños, e diso, de feros corvos invasores, que non de Xallas, andamos xa ben fornecidos.
Antes que ser escravos, irmáns, irmáns galegos teremos de poder cantar A nosa Terra é Nosa como cantava Cabanillas nun seu hino. E para iso teremos que liberala, liberándonos, autodeterminándonos, reclamando a soberanía nacional. Ben sexa dentro dun Estado Federal Ibérico, ben sexa sós.