As vítimas do silenzo

Como ben dicía Milan Kundera : “Para liquidar as nacións ... O primeiro que se fai é quitarlles a memoria. Destrúense os seus libros, a súa cultura, a súa historia. E logo vén alguén e lles escribe outros libros, dálles outra cultura, e invéntalles outra historia. Entón, a nazón comeza lentamente a esquecer o que é, o que foi. E o mundo circundante o esquece aínda moito antes”
Estas palabras tan actuais como certeras están a darnos a chave do que está a acontecer con nós mesmos, silenciosamente, sen levantar aspaventos, mais cunha eficacia tan mortífera que asusta.
Que sabe o noso pobo da nosa historia? Cada vez menos. Nas escolas pouco ou nada se ensina sobre a historia da Galiza, e o que se ensina está na súa meirande parte deturpado. É unha lousa de historia cociñada a gosto do español, dunha falsa nación que nunca existiu como tal e que lle fan crer aos nenos que é común seica desde a prehistoria. Anulan o reino da Galiza difuminándoo entre inexistentes reinos de León e outras falacias repetidas até a saciedade.
Un ensino no que o galego ten un papel tan anecdótico que en infantil e primaria está desaparecido, e incluso tratado a un nível inferior a unha lingua estranxeira. Atopas unha libreta na que pon gallego, onde todas as referencias empregadas para explicar o vocabulario dun texto son a súa equivalencia en castelán. E logo dínche que traduzas no canto de pedirche que redactes, que penses, crees e imaxines na túa lingua.
Libros non sei se destrúen, mais con que non che proporcionen o camiño ao seu coñecemento, xa fan bo labor. Se nunha biblioteca escolar o número de volumes de libro galego é anecdótico, se a literatura galega é pouco máis que unha rara avis, se non hai quen fale en galego na escola....
Acaso non estamos eliminando as bases do coñecemento, de conciencia de país, de nazón, de pobo nos máis pequenos?
Acaso non estamos a padecer unha doma e castra máis eficiente que a empregada por aqueles católicos precursores do noso declive?
Acaso goberno, escola, televisión, xornais, tendas, supermercados, grandes almacéns, non están a poñer as bases da desaparición da nosa identidade? Está na nosa man dar a coñecer aos pequenos a nosa historia, facerlles sentir amor pola nosa cultura, pola terra, pola lingua. 
Ou acordamos ou mañá seremos un recordo... ou quizáis nen tan sequer iso!!

As vítimas do silenzo

Te puede interesar