ai uns poucos días vin na internet unha noticia que recollía o falecemento por coronavirus de Trini López, o cantante -tamén esporádico actor- texano, fillo de pai español -anque criado en México- e nai mexicana, residente en Palm Springs, que formou parte do elenco de figuras da música que me alegrou a infancia e adolescencia. Cancións, por el interpretadas, como “La bamba”, “Cuando calienta el sol” ou “Guantanamera” seguen ocupando un espazo na miña memoria, superadas, iso si, por “If I Had a Hammer” (“Si tuviera un martillo”), a canción creada e lanzada por Pete Seeger 14 anos antes, curiosamente nunha cea de dirixentes do Partido Comunista dos Estados Unidos. O chamativo é que esa mesma letra, interpretada nunha versión de ritmo moderno chegase ao terceiro lugar no rankink da Billboard. Sorprendeume a noticia da morte e máis aínda decatarme de que non fora nestes días senón hai un par de meses, o 11 de agosto. Pregunteime por que no me enterara e caín na conta que nesas datas estivera de excursión pola zona do cabo Carvoeiro na, sempre recomendable, Costa de Prata portuguesa e un tanto alleo ás cousas que estaban a pasar. Certo que tiña 83 anos, mais a covid-19 non adoita facer moitos distingos.