O CONGRESO DO PP

O pasado fin de semana o Partido Popular de Galicia celebrou o seu XV congreso rexional, demostrando que o partido que fundou Don Manuel Fraga soubo adaptarse aos tempos actuais. Tanto o Informe de Xestión do seu Secretario Xeneral, Alfonso Rueda, coma a lista única proposta por Alberto Núñez Feijoo, recibiron o apoio da totalidade da afiliación. Non podía ser doutro xeito; os recentes resultados electorais reforzaron aínda máis a imaxe dun dirixente cun brillante futuro máis alá de Ponferrada. Este cadro de dirixentes rexionais, en apenas catro anos, gañou dúas eleccións autonómicas, unhas municipais e unhas nacionais, dentro do termo xeográfico galego. O congreso tamén serviu para renovar ideas e persoas. A media de idade do novo organigrama é de apenas 43 anos; o que significa que apenas tiñan 5 anos de media cando finalizou o franquismo. Díxoo o propio Presidente, “non existe diferenza entre dereitas e esquerdas, o que existe son boas e malas políticas”. O obxectivo da formación non é outro que seguir sendo unha comunidade referente en toda España pola súa solvencia económica, pola súa responsabilidade, pola súa xestión eficiente, pola súa blindaxe dos servizos públicos, por non gastar o que non se ten, en definitiva por facer as cousas mellor que outros; incluíndo os seus propios compañeiros de formación doutras comunidades autónomas. Os populares galegos foron capaces de encontrar un gran líder despois da desaparición doutro gran líder que ademáis foi o fundador do partido. E esta circunstancia acontece en ocasións contadas. En Francia, despois da desaparición de De Gaulle, os conservadores estiveron orfos de liderado durante moitos anos. En Baviera pasou o mesmo tras o falecemento de Strauss; en Inglaterra coa Thatcher, en Suecia co socialdemócrata Olof Palme. Non obstante en Galicia o proceso de substitución do Presidente Fraga apenas durou uns meses. Sen dúbida ningunha, os máis de cen mil afiliados do PPdG que existen en Galicia e o seu sentido da unidade, son un motivo de envexa doutras formacións; tanto polo seu número, coma polo seu sentido do respecto e da orde democrática interna.

O CONGRESO DO PP

Te puede interesar