FÓISENOS OUTRO BON E XENEROSO

|

O pasado venres tivemos ocasión de poder asistir á presentación do último número, o 22, da revista Cátedra de Pontedeume. Revista, dito sexa de paso, en que tiveramos ocasión de participar –número 17– cun artigo titulado “No centenario da ‘Alianza Aresana de Instrucción’. A presentación correu a cargo do amigo e profesor da Facultade de Humanidades da UDC, J. L. Montero Fenollós, e nela aludiuse a un fenómeno que, non por moi estendido, deixa de ser altamente preocupante por se ir facendo cada vez máis forte e permeábel na sociedade. Falamos da devaluación de canto teña a ver cos estudos relativos ás ciencias humanas e, por extensión, ás letras en xeral. Xa que o que pretende ser instalado como verdade absoluta entre nós é o concepto do utilitarismo, da aplicación inmediata e mercantil do saber, lugar en que as humanidades e as letras, en definitiva, teñen difícil encaixe. 
Hai case oitenta anos, xa o xenial Charles Chaplin nolo presentaba de xeito premonitorio en “Tempos modernos”, coa clara mensaxe de facer crítica ao inhumano sistema capitalista, isto é, a industria mecanizada en cadea somete o traballador a horas de traballo sen conto, ao estrés, á opresión, á pobreza e, en suma, á inxustiza social. A alegoría do que no momento actual se pretende facer coa sociedade de forma planificada, cun mundo encamiñado cara a un pensamento único e acrítico, e baseado na obtención do maior número de bens de consumo e control dos media, xa tiña sido tocado pola literatura coetánea a Chaplin e mesmo anterior. En “O Mundo perdido de Conan Doyle”, faciámonos eco disto ao falarmos sobre o que se dera en chamar literatura de anticipación. H.G.Wells en 1984, A. Huxley en Un mundo feliz ou Karel Čapek en A guerra das salamántigas, denunciaban as inxustizas ao imaxinaren mundos dominados por entes superiores e/ou totalitarios, para así plasmar realidades presentes ou aínda por vir.  
Nestes últimos anos, estase a producir unha certa corrente ideolóxica en que a apoloxía da ignorancia a través dos medios de comunicación xoga unha baza demoledora sobre os seus consumidores. Persoas ao vivo que se mofan das súas propias carencias son animadas para crear audiencia nunha sorte de circo mediático altamente nocivo para a educación da sociedade. Logo, unha vez soubemos do falecemento de Neira Vilas, que con máis ansias que letras tiña saído da aldea para a emigración, máis se nos antollou este sen sentido. El, que con vinte anos se instala en Bos Aires e aniña no seu interior a necesidade de gañar outra Galiza e crea as Mocidades Galeguistas após ter coñecido moitos dos vellos exilados: Seoane, Lorenzo Varela ou Dieste. Con estudos primarios e de Comercio –cursáraos por libre–, na Arxentina non existen as prohibicións nin a censura para poder ler o que tantos aquí nin poderían ter ansiado. Funda a promotora editorial Follas Novas (1957) xunto á súa muller, Anisia Miranda. Vanse para Cuba en 1961, en pleno proceso revolucionario, e alí, no Instituto de Literatura e Lingüística, promoverá toda a súa carreira e divulgación documental da Galiza emigrada para o mundo. 
Grande estima lle temos ao seu ensaio Galegos no Golfo de México, extraordinario documento sobre a emigración galega (Cuba sobre todo), a onde foron parar moitos veciños nosos de Ares, Redes, Mugardos, Franza, Maniños, Ferrol... Homes asalariados que traballaron nos cafetais, no tabaco e na cana de azucre, e nas tendas de ultramarinos máis que nada; aínda que tamén é meritorio o do sector pesqueiro, en que foron verdadeiros impulsores, instalados na vila habaneira de Casablanca e no porto oriental de Manzanillo. Neira Vilas, con todo, tamén traballou literatura infanto-xuvenil, poesía e tradución. Mais será na narrativa en que alcance o seu máximo esplendor. O seu inmortal Memorias dun neno labrego ou, o seu moi cabal Balbino, vivirá entre nós xa para sempre, primeira novela en galego para moitos de nós e onde tantos se viron reflectidos dalgún xeito. 
O asunto social, desa Galiza empobrecida e laboriosa en que a opresión e as inxustizas son plasmadas, vémolo en toda a narrativa localizada na terra, tanto as de protagonismo infantil (Cartas a Lelo ou Aqueles anos do Moncho) como de adulto (A muller de ferro ou A xente no rodicio). En Querido Tomás, o tema da emigración cobra protagonismo, asunto en que Sara, a mestra, se empeña para convencer os seu alumnos sobre o erro de emigrar como solución aos problemas. Emigración en que outras novelas, os seus propios protagonistas relatan as súas vivencias, soidades e problemas de adaptación en América, como sucede en Remuíño de sombras, en Camiño bretemoso ou en Historias de emigrantes. Persoas que nese camiño americano a que se viron abocados, trouxeron de alá, algúns fortuna, outros soamente fartura no corazón –Castelao dixit–, tanta como para fundaren sociedades benéficas e escolas na terra que tiñan deixado, e que tan necesitada andaba delas, como sucedera coa ‘Alianza Aresana de Instrucción’ en 1904.
 

FÓISENOS OUTRO BON E XENEROSO