SEN LUCES EN ARES

Quen isto escribe residiu e pagou impostos e taxas municipais en concellos grandes, medianos e pequenos. Agora un vive ou sobrevive no que antes era unha aldea e agora está cualificada como zona residencial de alto nivel ou algo parecido, segundo a quen se lle pregunte, pola teima de cambiar os nomes aos lugares que tiveron os contratistas no pasado auxe construtivo. Independentemente da nomenclatura de márketing do lugar, os habitantes dese espazo da autarquía xa estamos afeitos á vida civilizada e fomos tomando vicios modernos, como o de ter subministro eléctrico e auga corrente nas vivendas, casas, chalés ou cubículos acosados por ambas paredes e con pista de tenis.

Nesta autarquía de máis de cinco mil habitantes censados, aínda que dormen alí moitos máis, hai un cadro de traballadores municipais desmesurado, que foi incrementado, primeiro polos gobernos do PPdeG , e agora polo do PSdeG, seguindo a máxima de que unha familia cun membro a soldo do concello son catro votos como mínimo. Na actualidade, están en nómina comandantes que estiveron a servizo dos populares, como mercenarios da política.

Un deses vicios adquiridos por calquera cidadán é o de ter alumado público, o que vén sendo unha especie de farois que están máis veces acesas polo día que pola noite. Resulta que este amanuense observou que un aparello deixou de cumprir a súa función e que tras semana seguía apagado. Así que busquei no mundo virtual a web do concello para alertar do problema e, tras moito rebuscar por ela, encontrei o formulario de aviso. Alí me poño a escribir con detalle a incidencia até que premo o enter e sae un ha mensaxe de que tal servizo non está dispoñible.

Un ten oído e lido diso da administración electrónica e nunca me fiei, e agora tiña a proba de que vender aire e fume sempre queda bonito. Así que unha mañá marchei á Casa do Concello a dar parte do fallo lumínico, porque xa estaba enganchado a iso de manobrar co coche pola noite baixo a luz dunha farola e non tiña intención de desintoxicarme. Alá entro nas dependencias municipais e para a miña sorpresa non había nin unha alma en pena atendendo ao persoal, iso si mentres agardaba lendo numerosos cartaces de actividades para nenos, maiores e mediopensionistas vin desfilar un exército de xente que entraba e saída de despachos e oficinas, cargadas con bolsas de compra.

Un suxeito de condición laboral indefinida, non sei se interino, funcionario ou cargo de confianza, que se sentiría necesitado de xustificar o seu salario, ofreceume un papel para facer a reclamación ou aviso. Cubrín o papel e até lle puxeron un selo. Con pouca esperanza de que cambiasen a lámpada por unha incandescense ou de baixo consumo nun tempo razoable, marchei. Pasaron os días e as semanas e seguía a rúa ás escuras e antes de tomar o apagón como asunto persoal, chamei ao Concello e cal e a miña sorpresa que sae unha voz feminina gravada e entre risas, ademais en español, que me informa que se quero falar con este ou aquel pulse tal ou cal tecla. Doulle á que considero que debe ser e unha muller sae polo auricular que amablemente, tamén en idioma de Cuenca, dime que iso se solucionará en breve. Até o de agora seguimos uns cantos veciños sen alumado. Estou por pensar que o goberno do Concello de Ares ten poucas luces.

SEN LUCES EN ARES

Te puede interesar