DISPENDIO OLÍMPICO

Nesta primeira decena de setembro, o Comité Olímpico Internacional vai celebrar sesión para decidir quen organizará os chamados Xogos Olímpicos de Verán, as Olimpiadas do 2020.
Toca escoller entre Madrid, Istambul e Tokio. Boa ocasión, esta xuntanza en Bos Aires, para que o presidente Rajoy poña auga por medio, deixando atrás a liorta creada pola súa actuación no caso Bárcenas, de corrupción política e institucional, no que el se ve directamente implicado como presidente do Partido Popular, coñecedor e consentidor das actuacións presuntamente punibles do seu tesoureiro.
Deixando de lado o asunto da crise no Goberno e no Partido Popular, vexamos a cuestión da reincidente candidatura de Madrid para organizar este certame. Fracasada en dous recentes intentos anteriores, semella apostar por “á terceira vai a vencida”.
Porén, se facemos caso ao ofrecemento das casas de apostas que agora abondan na rede a modo de virus epidémico, a posibilidade é ben difícil. Cotizan moi favorablemente, primeiro Tokio; e logo, Istambul, deixando para capital española o último lugar. Isto non deixa de ser unha brincadeira. Decidirán eses pintorescos personaxes do COI.
Agora ben, de ser a escollida, ¿que gaña Madrid?. Moi pouco. ¿Qué gaña o resto do Estado? Nada ou todo o contrario, máis alá do intanxible que puidera representar a imaxe pública ou ser o centro de interese mediático perante algún breve tempo.
No medio dunha profunda crise como a actual, o punto fraco da aposta española está nas súas finanzas. O país está purgando unha burbulla inmobiliaria e outra de gasto público, que lle deixou miles de casas baleiras, aeroportos pantasma e autopistas que ninguén percorre.
Si a iso engádese unhas contas públicas ao bordo do colapso, cunha débeda total que superará o 100% do PIB entre este ano e o seguinte, é lóxico que xurdan moitas dúbidas sobre a capacidade do país e a cidade para facer fronte a este gasto.
Mais aínda, sabendo que o Estado é garante, e pagador final, do déficit resultante. No caso máis recente, o de Londres, a previsión orzamentaria multiplicouse por catro, ate 13.000 millóns de euros, cun retorno que non chegou ao dez por cento.
Mesmo perderon en turismo habitual. Roma, retirou candidatura con dignidade. De ser Madrid a escollida, todo irá a costa dos recursos de investigación, pensións, sanidade, educación e acción social. O único que fará é dar aire ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a alcaldesa de Madrid, Ana Botella.

DISPENDIO OLÍMPICO

Te puede interesar