HOLOCAUSTO

Ao vocábulo ‘holocausto’ atribúeselle a infeliz connotación, desde a II Guerra Mundial, da idea do xenocidio nazi cometido contra os xudeus, ou, se cadra, a maior das barbaries cometidas contra o ser humano de toda a historia da humanidade. Barbarie tamaña, dada a frieza, crueza, aleivosía, etc. con que se perpetrou a aniquilación consciente de persoas coa finalidade de tentar acabar con todo un pobo. Dita planificación baseouse no odio, na creación dunha entelequia paranoica en que o xudeu ficou reducido á condición de subhumano, alén de que os propagandistas do nazismo urdiran sobre eles a suposta conxura mundial de se quereren facer co control do mundo, callando así en grande parte da poboación de Alemaña, mais non só dela, que de forma quer activa, quer pasiva, acabaría por consentir este exterminio programado.
O termo holocausto fórmase da unión de dúas palabras gregas: ‘holo’, que significa “completamente”, e ‘causto’, “queimado”. Remite o vocábulo a vellos sacrificios, a un sacrificio consumido polo lume, e que os propios hebreos tamén cuñarían, após toda esta horripilante atrocidade do nazismo, co nome de ‘shoah’, cuxo significado é o de “catástrofe”. Mais non é menos certo que outros colectivos étnico-culturais foron igualmente vítimas desta ‘solución final’ –designación nazi do plan de xenocidio dos xudeus europeos–, tal como o do pobo xitano, coñecido neste caso como ‘prorraimos’, e que significa “devoración”. Tamén é sabido que as primeiras probas de exterminio colectivo humano por parte do nazismo foron realizadas con doentes mentais e persoas con doenzas hereditarias, aos que se lles aplicou o chamado plan de eutanasia Aktion T-4, e aos que posteriormente lles haberían de seguir xitanos, homosexuais e comunistas.
O 27 de xaneiro fixouse institucionalmente como o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. Foi aprobado o 1 de novembro de 2005 polo pleno da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, por ser o 27 de xaneiro de 1945 o día da liberación do maior campo de exterminio nazi, Auschwitz-Birkenau. Ficaría así fixada para o seu posterior recordo, condenándose sen reservas todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, alí onde teñan lugar. Ademais, ínstase a todos os estados membros a que elaboren programas educativos que inculquen nas xeracións futuras as ensinanzas do Holocausto co fin de axudar a previr actos de xenocidio futuros, e pide ao Secretario Xeral que estabeleza un programa de divulgación titulado “O Holocausto e as Nacións Unidas”, adoptando as medidas oportunas para movilizar a sociedade civil a prol da súa lembranza e a educación preventiva a este respecto.  
Non nos cabe a  menor dúbida de que esta declaración de intencións da ONU vén ser un máis que louvábel exercicio de diplomacia propedéutica, e teórico logo, ora infelizmente pisoteado con ben máis frecuencia da desexada. Os xenocidios de Ruanda e Iugoslavia, por citarmos dous exemplos ben próximos no tempo, ou, algo máis afastado, o de Pol Pot en Camboxa, dan fe do pouco que se aprendeu e adiantou con relación ás atrocidades xenocidas cometidas polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Paradoxalmente, a propia racionalidade do ser humano semella virar en potentísima arma capaz de converter valores positivos de carácter universal, tal como a tolerancia, o humanismo, a democracia, a igualdade, a solidariedade ou a dignidade, en xusto os seus contrarios. O feito de vivirmos en comunidades, máis ou menos compactas segundo os casos, cuxas confluencias de intereses, tanto endóxenas como exóxenas, poden variar nunha maior ou menor intensidade, son por veces factores determinantes á hora de querernos singularizar fronte aos outros, até xerar temores e receos entre si, de modo que nos poidan chegar a desvincular cada vez máis dese concepto unitario de raza humana ao que a totalidade dos homes deberiamos aspirar.
Os prexuízos que se poden ir enraizando nas xentes por causa da loita polo  poder e enfrontamentos por cuestión de casta, tal foi o caso dos hutus contra os tutsi en Ruanda, ou os sociopolíticos, relixiosos e étnicos na antiga Iugoslavia, evidencian as feridas mal estiñadas por causa da existencia dun conflito previo. O nazismo arquitectou o seu antisemitismo en vellas falacias: o mito do deicidio, a traizón de Xudas, as lendas como a do xudeu errante, o libelo de sangue ou o mito do dominio mundial. A descualificación do outro por vía da despersonalización, dos falsos estereotipos estigmatizadores, da indiferenza moral, etc. pódennos converter, ben en actores ben en cómplices do mal. Dito mal, por súa vez, que sempre encontrará quen o queira arengar, quen o queira liderar canalizándoo unha vez máis, polo que cómpre combatérmolo preventiva e decididamente, por medio dunha verdadeira educación baseada no pensamento crítico exercido con tolerancia e liberdade.

HOLOCAUSTO

Te puede interesar