Para os que non vivimos dos ingresos pola nosa creación artística, a existencia da lei RD 5/2013, pouco ha de mudar a nosa vida após a xubilación. Dita lei, que lesiona gravemente os dereitos de autor, colaboracións xornalísticas, cursos ou conferencias, caso o autor supere cos seus ingresos o Salario Mínimo Interprofesional anual bruto, vén xerar unha situación de indefensión manifesta, á vez que se nos antolla unha medida legal claramente lesiva. Así pois, se a persoa aludida supera o SMI unha vez xerados ditos ingresos, só lle caben dúas opcións. Ou ben a de renunciar á pensión contributiva ou non contributiva que lle corresponda, obtendo así tan só os beneficios da súa creación, ou, pola contra, a de renunciar aos tales beneficios e obter simplemente a pensión a que ten dereito.
Lémbranse vostedes da suba do IVE cultural, o imposto que a partir do 1 de setembro de 2012 foi capaz de gravar un 21% sobre unha entrada de cinema ou de teatro, un concerto musical ou sobre a compra dun libro, cando antes desta data era só dun 8%? Por pormos un único exemplo: isto é o que acontece a día de hoxe noutros lugares de Europa, canto á aplicación do IVE, cos concertos musicais en directo. En Francia aplícase un 5,5%, en Portugal un 13%, en Bélxica e Países Baixos un 6%, en Italia e Finlandia un 10%, en Alemaña 7%, en Suíza un 2,5% e en Noruega, madía leva!, un 0%. En suma, a lei de Guindos só veu contribuír para tentar facer caixa, conseguindo tan só que os espectadores que hoxe acoden aos concertos, aos teatros ou ao cinema teñan diminuído de forma drástica. As cifras, ao finalizar o 2013, falaban dun descenso do 30% de espectadores para o cinema e o teatro, así como dun 22% para o caso dos concertos musicais, e dun 22% menos de recadación.
O afán recadatorio, polo que se ve, conseguiu o efecto oposto ao pretendido. A cultura, á fin e ao cabo, non é máis que un elemento accesorio do noso benestar. Con todo, con respecto á sanidade —ben necesario e imprescindíbel— tampouco houbo escrúpulos en lle cortar as partidas orzamentarias, e o mesmo sucedeu coa educación. Quérese dicir, o tempo de vacas fracas, de presuntas austeridades, presumíase debía ir acompañado dos recortes nestes dous principios básicos e esenciais (Sanidade e Educación) e, nin que dicir ten, acerca da subvención pública á cultura, e o aumento do IVE sobre un ben que se presupón accesorio e, en suma, innecesario. Os empresarios da cultura, contrariamente, non deberon ter pensado o mesmo, cando a Federación de Produtores Audiovisuais Españois falaran acerca do feche de 141 salas de cinema e 17 complexos cinematográficos en todo o Estado español ao final de 2013, cifras que delatan unha porcentaxe importante de salas de concertos e promotoras afectadas.
É obvio que o sector empresarial ligado á cultura existe, creando postos de traballo e xerando negocio, isto é unha realidade. O produto en orixe, executado por un primeiro creador e elo inicial da cadea, constará despois doutros elos intermedios até dar chegado ao produto final, circunstancia que podemos verificar ora no teatro, ora no cinema, ora no espectáculo musical, ora na industria editorial, etc. Así pois, a peza de teatro será escrita por un dramaturgo, mais para poder ser levada a escena, ha de contar con actrices e actores que a representen, dirección que terá que recaer nun director de escena, quen tamén se ocupará de que os decorados, o atrezo, a iluminación, etc. se adecúen á escenificación. O local onde vaia ter lugar a representación xoga tamén un papel fundamental, de igual modo que o transporte do material e o da compañía. En definitiva, o negocio xerado de arredor do feito teatral é significativo, e dun xeito semellante sucederá caso de falarmos de espectáculos musicais, de danza, de cinema, etc.
O factor creativo, a creación, en fin, non é algo que se poida dar por concluído tan logo o artista dá chegado á idade de xubilación. A idade provecta, tal dirían os clásicos, condena con esta lei a aqueles que talvez máis terían que nos achegar, dado o grao de experiencia e o talento que se lles presupón. E é que á condición de artista un non pode renunciar coma se dun simple título se tratase. O artista fai un traballo do que se sente capaz, e con el pretende conmover, expresar e dar a entender aos demais a súa visión do mundo. O seu traballo, ímprobas horas de esforzo e sacrificio, tornaríase nun desaproveitamento intelectual que non pode ser alienado. O contributo que o artista fai á sociedade ten que reverter a través das diferentes formas de gratificación que correspondan, quer cos premios, quer coas remuneracións de que sexa mester.
Antóllasenos lícito, pois, que este labor singular non teña de ser disociado da percepción da pensión a que ten dereito despois de ter contribuído a ela durante a súa vida activa, polo que a xubilación e a creación han de ser actividades compatíbeis, para deste xeito equiparar a lexislación española á doutros países da UE.