O noso Cinema Paradiso

outro día quedei mirando para a ruína do que outrora fora o “Cine Zárate” tamén coñecido na vila coma o “Cine Vello”, e pola miña mente pasaron imaxes que agora desexo lembrar con  vostedes, imaxes de cando en Mugardos funcionaban dúas salas de cine: este, o “Vello”, e o “Rex” que chamabamos “Novo”.  Os dous competían en harmonía con argumentos distintos, tanto é así que cando nun se proxectaba unha de vaqueiros no outro ía, por exemplo, unha de romanos e así os potenciais espectadores tiñan onde escoller. O xénero de vaqueiros, vaqueiradas que diciamos, era moi recorrente. Pero pasemos ao Cine Vello, edificio ecléctico que tiña adosado o chamado “Bar de Fernando” onde moita xente pasaba a tomar café no intermedio da película. Os domingos era costume  pasear denantes de entrar no cine, paseo que tiña os seus lindes: a carretera, a rúa principal da vila onde, case unha fronte a outra, estaban as salas. O Cine Vello tiña un patio de butacas con cadeiras de madeira abatibles e unhas columnas de ferro que sostiñan o piso de “general” con cadeixos corridos e cun prezo da entrada máis barato. Alí montábanse con máis frecuencia os ciscos.  Facíase publicidade das películas pegando os “afiches” e repartindo a man os “prospectos” e media hora denantes da  proxección emitíase música a traves dun altoparlante. As hormonas, amigos, comezaban a rebulir. O Cine Vello era como o noso Cinema Paradiso, un paraíso si porque en puridade era a única distracción que tíñamos, así que esperabamos con certa ansiedade que chegase o domingo para ir ao cine. E logo viña o de contar a película. Eu mesmo contei peliculas a amigos que por unha ou outra razón non podían ir ao cine, coma un conta contos de hoxe. Arestora o Cine Vello é ainda máis vello ou mellor dito xa non é, só queda en pe unha ruína para a nostalxia, un cadaleito onde fican soterradas unha morea de ilusións en forma de aplausos cando o “chico” saía dunha situación comprometida acabando co malo da película, de gargalladas cando “Cantinflas” facía das súas, de velados supiros e unha que outra lagrimiña cando o asunto ía polos terreos do máis puro sentimentalismo e o “The End” fundíase cun prolongado bico. En fin aquel cine que foi un colector de soños, arestora é unha lembranza de soños esvaecidos.

O noso Cinema Paradiso

Te puede interesar