Festas

Por primeira vez na miña vida pasei o día final de ano fóra de Galicia, concretamente na califal Córdoba. E foi así, e non antes, porque lle cadrou, non por ningunha caste de cambio na concepción que teño destas entrañables festas, usando a denominación máis usada polos concidadáns, porque para min, desde que son plenamente eu, nunca o foron máis que outras festas calquera. Sempre estiveron asimiladas a vacacións, a días de folganza. Como as da chamada semana santa ou do verán. Desde hai uns anos procuramos atopar un sitio con sol e certo calor asegurados. Mais, como agardamos a decembro para decidilo, sempre nos encontramos con que as pasaxes están moi caras e outro tanto os aloxamentos. A Habana, Canarias, Madeira ou Cabo Verde estaban a prezos moi por riba dos habituais no ano e así non paga pena. Optamos por organizar un combinado español cambiando clima por arte. Mal tempo pero moito que ver. Eliximos Córdoba e Madrid, aínda que viaxes e hospedaxes tampouco estaban baratas, precisamente. Eu só estivera un par de días en Córdoba no verán do 92, camiño da Expo de Sevilla. Gustara, malia a insoportable calor daquel agosto, que sempre me trae á cabeza o ferragosto italiano e ese magnífico filme de Dino Risi, Il Sorpasso, que tantas veces teño visto. Recomendabilísimo para quen non o teña feito. Desta volta volvín gustar: completei ideas e visións do que xa coñecía e lembraba e achegueime a espazos interesante nos que non estivera. Tal o Museo Julio Romero de Torres, o que, segundo o coñecido pasodoble, tan interpretado polas tunas todas, “pintó a la mujer morena/con el rostro de misterio/y el alma llena de pena” e tamén coñecido por figurar nos billetes de cen pesetas. Alí estivemos seguindo a recomendación do amigo Vicente Araguas. Cómpre agradecelo, porque realmente paga a pena. Como o espléndido xantar no recoñecido restaurante Bodegas Campos, tamén polo seu consello. Ou reservar ou facer cola. Con todo, o máis novidoso foi o papeo das uvas ó ritmo de 12 rasgueos de guitarra en troques dos habituais toques de campá, na Plaza de las Tendillas. Curioso. Como tamén o prezo das latas de cervexa: 1,5 euros. Con vaso e todo. Non estaría mal tomar nota e que se estendese o exemplo. Un par de días en Córdoba pagan a pena. A Mezquita, malia as desfeitas cristiás, impresionante. Se cadra non ten a grandeza dalgunha das de Istambul, mais...
Polo que puidemos ler na prensa, o goberno municipal anda en disputas terreais, asuntos de propiedade de terreos, co episcopado. Non debe ser difícil que iso aconteza se temos en conta o perfil de Demetrio Fernández, bispo de Córdoba. O propio día de fin de ano, o xornal que leva o nome da cidade reproducía unhas incribles declaracións súas nas que cualificaba de “aquelarre químico de laboratorio”, calquera utilización de técnicas de reprodución asistida.
Como a noitiña das cabalgatas de reis, de magos ou do que foren nos colleu no avión de volta non puidemos ver -tampouco teríamos ido expresamente a vela- a “controvertida” de Madrid, xa negativamente criticada antes de vela. Todo un detalle. Como só vin algunhas imaxes na televisión e como non son especialista en cuestións desa índole, só podo dicir que se houbo aforro de cartos para as arcas dos contribuíntes madrileños a cabalgata foi magnífica. Abofé que os nenos e nenas, principais beneficiarios dese espectáculo non aprecian as diferenzas. Con tal de que lles tiren caramelos ou calquera outra cousa similar xa van todos contentos para a casa a agardar os xoguetes da noite que é o que realmente lles importa. O resto son ganas de dar a lata. E sobre a xente que anda a recoller sinaturas pedindo que a próxima cabalgata a organice a Conferencia Episcopal que queren que lles diga? Penso que xa respondeu moi atinadamente o señor José Luis Pinilla, director do Secretariado da mesma: “la Conferencia Episcopal no está para organizar cabalgatas”.
 

Festas

Te puede interesar