Diante de min, nun cadro pendurado na parede, a fotografía do meu curso de Bacharelato, no ano 1955, máis ou menos. Abaixo no centro, en primeira fila e cun gran sorriso, como sempre, está Loyola, como lle chamabamos entón os compañeiros. Empezamos no instituto xuntos no ano 1948 e, dende o primeiro día fixemos unha amizade que xa ía ser para sempre. Era Anxo un rapaz sinxelo, aberto e intelixente. Acórdoo sempre ledo, nunca lle vin un xesto de mal humor na súa faciana.
Acabado o Bacharelato, dedicouse durante uns anos a xogar ao fútbol nos equipos da bisbarra ferrolá, ata que un bo día apareceu na Jorge Juan, onde coincidimos de novo, co galo de prepararse, disque para Correos. O director da academia, onde nos preparabamos para ingresar na Escola Naval, convenceuno para que se presentara ás oposicións de aquel ano 1956. Asi o fixo conseguindo unha das primeiras prazas, ¡a primeira vez que se presentou!
Desenrolou unha brillante carreira na Armada, acadando os máis altos postos. No ano 1977 pasouse ao corpo de enxeñeiros despois dos correspondentes estudos, chegando co grado de vicealmirante, a ser o xefe do corpo. Ao longo da súa vida recibiu diversas distincións e condecoracións, sendo de destacar a Gran Cruz de San Hermenegildo e a Gran Cruz do Mérito Naval. Para min foi, será sempre, un orgullo e unha sorte coñecelo e ter sido o seu amigo durante setenta e dous anos.
O día primeiro de xullo, mércores, celebrarase na súa memoria unha misa, na concatedral de San Xulián de Ferrol á que asistirán, sen dúbida, compañeiros e amigos. Dada a súa condición de católico practicante, seguro que xa ten un lugar no ceo. Ata alí quixera que chegara o meu recordo apaixonado dun home que foi dos bos e xenerosos dos que fala o noso himno galego.