GHARNATA II

Hai dúas semanas ameazáballes, agarimosamente iso si, con contarlles algunha nova sensación vivida na miña viaxe polas terras dos meus antepasados, e aquí estou disposto se vostedes teñen a ben permitilo e a paciencia de léelo. Xa estou no meu Mugardos, sentado diante da ventá do meu cuarto contemplando a serenidade da ría nunha tarde de sol logo dos tremendos temporais que un día tralo outro asolaron esta terra xa de por si dabondo castigada. Despois de case un mes de ausencia, xa botaba de menos este anaquiño da miña terra, malia que cando saín de Granada fíxeno tamén con certa morriña. Sensación favorable: a de atoparme cunha cidade chea de posibilidades culturais onde un pode mergullarse en variadas actividades relacionadas fundamentalmente coa música e o teatro. No teatro “Isabel la Católica”, no mesmo centro da cidade, figuran con tres meses de anticipación o anuncio das representacións, recitais e concertos programados (moitos e variados) e as exposicións de pintura ou fotografía que  se mostran en diferentes salas da cidade. Pero nesta cidade universitaria tamén atopeime con algunha lagoa coma esta que paso a relatarlles: Unha mañá pasei a visitar a “Madraza”, a primeira universidade do islam onde achegábanse estudantes da España musulmá, e alí un rapaz describiunos, con detalle e coñecemento arquitectónico, o oratorio que é o único que queda en pe, xunto coa fachada, daquel edificio logo convertido no consistorio de Granada ata que este se trasladou a outro edificio onde atópase na actualidade. Hoxe a Madraza é un recinto universitario. Como eu andaba pola miña conta tralas pegadas de Lorca, pregunteille a aquel mozo se sabía onde estaba a casa dos Rosales e a comisaría onde fora trasladado o poeta logo da súa detención. Confesoume que o único que sabía de Lorca era que fora un poeta que o mataran cando a Guerra Civil. O mozo era universitario pero se ve que estudara por  “ciencias”. A miña amiga Enriqueta Barranco levoume da man a eses dous lugares dous días máis tarde.
Outra sensación non tan agradable foi observar a fractura social que pode pasar desapercibida para o viaxeiro que so vai ver a Alhambra. Nesta viaxe observei unha profusión da mendicidade moito maior que as outras veces que estiven alí. Xente mendigando en todos os lugares, pedindo nas portas dos bancos, dos restaurantes, das tendas, nas paradas do bus e nas portas das igrexas. Isto pode ser un indicador de que a crises golpea sempre do mesmo lado e que a necesidade aguilloa xa a moita máis xente da que pensabamos. Hai mendicidade en todos os sitios do noso país, pero eu noteina máis alá que acó e encóllese o corazón vendo a xente moza, da idade dos nosos fillos, pedindo masivamente caridade na rúa. Un sistema que afonda e promove estas diferenzas é un sistema que fai auga. E algo haberá que facer para que a degradación do ser humano no chegue a estes extremos. Hai un mosaico preto da catedral que di o seguinte: “Dale limosna mujer que no hay en la vida nada, como la de ser ciego en Granada”. Unha referencia á beleza que un probe cego non pode ver, pero onde di cego, podería dicir probe, parado, marxinado, etc. Haberá que abrir ben os ollos de par en par para que senta o corazón. Andalucía en xeral é merecente de mellor sorte. Oxalá atope, atopemos, o camiño axeitado para acadala.

 

GHARNATA II

Te puede interesar