Elección transcendente no Brasil

|

s eleccións no Brasil teñen unha grande importancia tanto en América Latina, como no ámbito internacional. Este país é a maior economía da rexión e a 6º do mundo. Un cambio consolidaría a súa presenza no BRICS, xa que hoxe está máis cun pe fóra que dentro, fortalecendo a alternativa multipolar. Tampouco se pode obviar que un triunfo de Haddad condicionaría as políticas de intervencionismo militar contra Venezuela, por parte dos Estados Unidos, así como o aval que hoxe expresan dirixentes da OEA. A menos que precipiten os acontecementos e opten por esta vía antes de fin de ano. A solicitude de Maduro dun encontro con Trump pretenderá gañar tempo?
Segundo as últimas enquisas o capitán ultradereita Jair Bolsonaro, a esta altura internado nun hospital despois de ser acoitelado nun acto, contaría co 28% de apoios, mentres que Fernando Haddad, do PT (Partido do Traballo) estaría en segundo lugar e acadaría un 22%. Haddad substituíu a Lula (que tiña un 40% de intención de voto) despois que a xustiza brasileira lle impedise ser candidato (está en prisión por unha condena, mesmo cuestionada por organismos da ONU). Dado que a terceira opción, Ciro Gomes, do PDT, está moi por detrás, todo reflicte que haberá segunda quenda (o 28 de outubro) e que a presidencia decidirase entre Bolsonaro e Haddad. Neste caso as enquisas dan á alianza de esquerda, do PT e PcdoB, como triunfadora cun 45% dos votos contra o 39% da opción de dereita. Ademais, Bolsonaro acada un rexeitamento do 46% do electorado, fronte ao 32% de Haddad. 
Tampouco se pode ignorar a forte oposición das clases dominantes contra un Governo do PT e do PCdoB, como se manifestou co golpe institucional contra Dilma Rousseff, e a celeridade coa que puxeron en práctica medidas regresivas no ámbito económico, laboral e social. Un proceso contra as clases populares e as forzas de esquerda que foi arroupado pola cabeza do exército, boa parte do poder xudicial e os grandes medios de comunicación. 
Os ruídos de sables nas últimas semanas evidencian esta complicidade cos intereses das corporacións e os designios de Washington, e neste caso semellan ter como obxectivo condicionar o proceso electoral. Atreveranse a descoñecer os resultados electorais ou a artellar unha fraude xeral? Non parece que a esta altura sexan admisíbeis este tipo de accións, porén vendo os sucesos en Siria, as ameazas a Venezuela, e a política de sancións e intervencións das potencias occidentais, non se pode desbotar por anticipado ningún escenario.

Elección transcendente no Brasil