Infamias de vencedores

O31 de decembro puñamos a vista sobre un artigo de opinión publicado no ABC titulado “Honrar a los soldados caídos en combate”, xunto á fotografía dun casco alemán da II Guerra Mundial e emblema coa bandeira española, asinado por A. Muñoz-Grandes, xeneral do Exército de Terra, retirado ou na reserva, a xulgar polo R entre parénteses após a súa sinatura. 
Fique claro que non somos quen para xulgar a todo o exército español polas palabras que poidan ter sido vertidas por un dos seus máis importantes mandos, ora en condición de retirado ou na reserva. As opinións, por tanto, foron argumentadas a título individual e a el pertencen. Porén, non deixan de resultar inquietantes algúns xestos, costumes ou rastros (aínda perduran nos cuarteis) dese infame pasado franquista, filtrados moi de vez en cando para o mundo civil. A indolencia con que é tratado o asunto do roteiro do Arsenal ferrolán, cheo de nomes de militares golpistas, é un destes exemplos. A inserción de homenaxes no Día das Forzas Armadas á División Azul, xa cando fora ministro Bono, xa cando o fixera a delegada do goberno de Cataluña en 2013, son outra mostra. As diferentes polémicas pola conveniencia de retirar estatuas de Franco ou de Millán Astray, fundador da Lexión e un dos cabecillas do levantamento militar do 36, tiveron tamén unha clara repercursión desde a esfera militar. 
Ao tempo que inconveniente, o texto a que nos referimos raia (usemos o símil militar) a insubordinación e, en consecuencia, ponse practicamente ao límite da legalidade, ao querer pasar por encima da Lei de Memoria Histórica, dada a relevancia que gaña o artigo (nun dos principais xornais españois, ocupando a páx. 17 case completa), alén de polo feito de ser o seu autor un ex-militar de alto rango. 
A División Azul non se pode obxectar que formou parte do exército nazi durante a II GM, e así ten de ser xulgado. Os seus compoñentes, maiormente voluntarios universitarios e falanxistas, mais comandados por oficiais do exército, integráronse na División 250 da Werhmacht. España saldaba así contas con Hitler, pola axuda ofrecida ao exército sublevado español (lembremos a Lexión Cóndor, a do masacre de Gernika) contra o exército da República. 
O texto do ABC é todo un panexírico. Conta, no seu sentido máis clásico, coas tres partes que lle son propias. O exordio, parte primeira, tenta facer unha igualación entre inimigos, pois fala acerca do tributo a cinco aviadores soviéticos mortos en combate durante a Guerra Civil. A homenaxe foi feita polos Amigos da División Azul e acudiu a ela o embaixador de Rusia. A segunda parte, a da demostración, tenta xustificar o nacemento deste continxente para loitar contra a barbarie do bolchevismo soviético, alén do xuramento feito en Grafenwörhr polos seus integrantes, deixando clara a súa misión de loita contra o comunismo. 
Elóxiase a falaz habilidade de Franco, tras e reunión de Hendaia, de evitar a entrada de España na II GM. Tampouco evita eloxiar a seu pai, o primeiro xefe da División Azul, o xeneral Muñoz-Grandes, condecorado coa máis alta distinción do exército nazi. E a terceira e última das partes, o epílogo, talvez máis inesperado, que é toda unha salva de tiros contra a alcaldesa de Madrid para que (e obviando a LMH) non sexa retirada a placa que recorda aos Caídos da División Azul, novamente acudindo á chantaxe emocional: “Creo que, para cerrar heridas que algunos no dejan cicatrizar, a los nombres de los que combatieron en un bando de forma destacada se deberían añadir los de los valientes del otro lado que pelearon con dignidad. En el Más Allá estarán unidos en un abrazo”. 
As infamias que continúan a ser proferidas por membros do partido do goberno actual contra familiares de persoas paseadas e fusiladas durante a Guerra Civil. O impedimento por todos os medios de conseguir permisos para escavar e facer levantamentos dos seus restos. 
A historia deturpada que se nos segue a vender coma se o bando faccioso militar, que traizoou a súa patria, daquela a República española, fose igual ao que se mantivo fiel a ela. O derrubamento da democracia por medio dunha guerra desapiadada e represiva que impuxo o fascismo. Infamias, en definitiva, en aras de non se sabe qué restabelecemento dunha orde dentro do caos e, sobre todo, para impedir a deriva de España, disque, á órbita do imperialismo soviético. Vergoñoso episodio este, o da División Azul, digno de ser estudado de forma conveniente pola Historia, mais nunca a través dunha placa laudatoria que poña á par cos restantes caídos o que foi a páxina máis negra da fraternidade española co nazismo.

Infamias de vencedores

Te puede interesar