REMATE, POR FAVOR

Desde que ocuparon asentos na Academia Española individuos provenientes dos medios de comunicación, centos de palabras encontraron acougo nas fichas da institución tanto en sentido recto como oblicuo e inverteron ou ampliaron o seu significado histórico por un que a xente entende, de tal modo que moitas novelas actuais escritas en español non precisan de buscar no dicionario o que quere dicir, só hai que escoitar una transmisión ou retransmisión de calquera partido de fútbol. Porén, existe algunha que outra fundación ou vixilante do bo uso do idioma castelán que advirte sobre o vicios e receita apósitos para curar o mal.

É de botar en falta ou de menos que os académicos galegos non actúen de anxos custodios de emprego do idioma galaico e de vez en cando lancen unha alerta sobre o mal uso e emprego que se fai das palabras destas terras perdidas entre urbanizacións e parques industriais ou empresariais.

Se ben en certo que as Normas do idioma galaico naceron nunha época na cal non se pensaba no futuro, a tran demandada reforma quedou no esquecemento. De aí temos que Galiza sexa considerada unha palabra propia do BNG, por moito que estea recoñecida pola RAG, o mesmo que as consellarías, que o primeiro que fixo o PPdeG foi volvelas a consellerías, pasando olimpicamente da forma correcta sen que ninguén da rúa Tabernas dixese nada ao respecto nin advertise do mal que se lle facía á escrita.

O idioma galaico moderno arrastra moitos vicios e disparates de épocas políticas predemocráticas, daqueles días do “nembargantes, neste intre, eu coido” como é o caso do verbo “respostar” que non existe no sistema lingüístico galaico, pero que se repite até sentar mal no cerebro. Algunha vez penso que se refiren a botar “gasoliña” para chegar á “oficiña” do Hórreo ou a San Caetano.

Os que pasamos polo Parlamento con algo de interese pola lingua quedamos fatos de escoitar ao ou á presidente ou presidenta demandar a gritos ao orador ou oradora en uso da palabra que “remate, por favor”. Cando oía dicir tal exclamación sempre pensei que a señoría faría un remate de cabeza á escuadra con efecto de rosca da bola ou un lanzamento á portería despois de “caer por banda dereita”. Fíxense que hai palabras para pedir ao deputado que abusa da prórroga da palabra, por exemplo: acabar, finalizar, concluír, terminar… por non tirar de frases coa mesma idea. Porén, veña todos a rematar de cabeza, que sería un dos empregos aceptables, pero de último recurso ante unha señoría moi pesada.

Houbo unha época na cal algúns concellos tiñan a un perito en galaico polas dependencias municipais traducindo bandos e poucos máis, algúns deles non eran máis que entusiastas do idioma, que aprenderan a súa estrutura lendo edicións bilingües de poesía social dos anos sesenta do século pasado, sen máis base científica que o seu interese, ao igual que un adepto á astronomía tarda anos en dominar o mapa estelar. A Academia Galega debería tomar algunha iniciativa e recomendar e aconsellar ás administracións sobre un uso máis correcto do idioma.

REMATE, POR FAVOR

Te puede interesar