Abonda con palabras

Lúa de abril, seductora.
Raíña, Dama, Señora.

As palabras tan só son iso, palabras e abonda: Palabras, que quedan flotando no aire agardando que un xuíz lingüístico imparcial, impávido, imperturbable as interprete e dea o seu contido uniforme, semántico, sacro e universal. Algún día os homes entenderanse con palabras, e as lúas escuras, os señores das guerras, os corvos, os voitres e os falcóns de luva branca terán que pasar a engrosar os cárceres.
Algún día os homes entenderémonos polo ben común, colectivo, de todos sen excepción, e falaremos dialogando nos mesmos termos e chegaremos a acordos sen coaccións, sen armas, con un “choca esas cinco”, e abonda. Algún día, mais que lles pese aos necios, egoístas, infames monstros de dúas patas cabezas ocas e corazón de píntega…
Vou tolo na túa percura, corazón, meu corazón. Navegarei, se é preciso, nunha nave espacial rumbo a mundos sibilinos, cibernéticos, de androides amorfos. Ninguén de mala fe se poña diante, meu corazón.  
Falaba co meu amigo Sidre mesmo onte namentres camiñabamos pistas de A Rabadeña, Sartego, Conces e Os Pazos de Neda, sobre do endémico problema de Ferrol e a súa comarca e a pouca capacidade de loita, de unidade, de perspicacia en canto ás perspectivas de proxectos e xa non digamos en canto ás realidades, obra, postos de traballo dignos, riqueza para o pobo.
Nin unidade de loita político-sindical, nin do pobo que tendo tantos miles de parados, tanto deterioro económico somos quen de unirnos para defender esta comarca que esmorece semella que, esquecida de todos, principalmente dos máis afectados, parados, que non venden, que tiveron que pechar, a xente moza, os xubilados.
Cinco millóns de desempregados, milleiros de desfiuzados, de criaturas en deplorables condicións de probeza, salarios, pensións e prestacións sociais en tantos casos ridículas e inhumanas, namentres banqueiros e o gran capital amasando fariña de ouro en artesa de platino con adornos de brillantes e rubís.
Namentres ministros, conselleiros e outros elevados cargos políticos non coñecen nin a situación xeográfica nin de crise na que se atopa a bisbarra de Ferrol, e se a coñecen ben que o disimulan, pois as promesas e as imprecisas noticias non crean postos de traballo.
¡Aleluia! ¡Que alboroto!, dezaseis mil novos postos de traballo deixaron os controis do último trimestre. Suerte para os que van traballar por uns días en precario e daquel xeito.
A este paso, ¡ai de nos e de España!, o caracol do paro poida que en dez anos avance varios centímetros, se non lle da por recuar. San Rouco non o queira.
E seguiamos falando o Sidre e eu á altura do río Basteiro camiño da ponte do Xubia, que cando unha enfermidade ataca a un corpo, Ferrol e a súa zona de influencia neste caso, de non atenderse a tempo por bos médicos especialista e con boas medicinas, cando menos se  o doente resiste, puidérase volver en crónica, e eso sería tremendo.
Falabamos tamén da desidia, da preguiza e do conformismo en xeral, o de non aspirar a máis. Do deixamento da gran maioría. Palabras ao fin e ao cabo, que no caso de Ferrol puidéranse converter en feridas mal curadas con xermes infecciosos complicados de expulsar. Se os estaleiros non teñen traballo esta é unha comarca malferida.
Hoxe amañeceu con sol e vese con nitidez a atalaia do ancestral e mítico Ancos. O mesmo merlo de onte volveume aledar o día ceibando ao ar unha repeniqueira e doce melodía.
O meu corazón late fortemente e anímame a lanzar un aturuxo que fuxe da gorxa desbordado: “Para por aí, Barallobre”.
A piques de chegar maio romántico, as flores pintan os campeiros, locen traxes de colores mil bambeándose con fachenda.
Na hora da marea chea chegan as lanchas marisqueiras. No campanario da igrexa unha ninfa embriagada de amor, badalea acompasadamente caibando ao ar unha música perturbadora e candenciosa con letra ben coñecida: Panadeiriña de Neda, artesá e churrusqueira, á calorciña do forno sempre terás quen te queira.
Nada, ninguén se poña diante, meu corazón. Se non fora por tanto canalla egoísta o mundo podería ser marabilloso. Menos mal que xa chegaron as andoriñas.

Abonda con palabras

Te puede interesar