Infraestrutura verde

Hai uns días tiven o pracer de asistir a unha interesante palestra no Ateneo coa presenza de Pedro Calaza e Manuel Amable, aquel enxeneiro agrónomo e este arquitecto, referíndose a un tema moi interesante que incide directamente no noso devir inmediato: A infraestructura verde e a saúde. 
Os poñentes fixeron fincapé na necesidade de que as cidades conten con espazos verdes suficientes para que os veciños non perdan contacto coa natureza porque iso vai ter incidencia na saúde: unha cidade con espazos verdes será máis saludable que outra que carece deles. Os estudos interdisciplinares e científicos apuntan a que iso é así. Xa temos pois unha parte da solución para facer as nosas cidades máis habitables: o informe dos técnicos e especialistas que recomendan ir por ese camiño, pero non é suficiente porque falta a decisión daqueles que teñen a facultade de resolver: os políticos. E chegados a este punto debo dicir que non son optimista porque os acontecementos me levan a non ter esperanza sobre o que os políticos deciden, e nesto dos espazos verdes, en xeral, resolven ben pouco. Non é este un tema que estea nas súas prioridades. Afortunadamente hai excepcións, pero en puridade os tiros van por aí. 
Os técnicos din que os cidadáns terían que estar a non máis de dez minutos camiñando dunha zona verde e que esta debería contar con árbores de copa grande, etc, etc. Eles din o que cren que deben dicir pero do dito ao feito todos sabemos que hai un gran treito, sobre todo neste pais onde a saúde sofre tremendos recortes, onde por parte dos que gobernan o tema preocupa ben pouco e xa que logo non se espera que se vaia a invertir en alamedas saudables. Nós por aquí aínda non andamos mal de verde e temos baixos niveis de polución comparado con outras cidades pero non cabe dubida que se pode mellorar poñendo en marcha un plan que remate coa tala indisriminada de árbores, que se vaia na procura de conservar os que temos e de plantar máis se cabe. Eu, que quer que lles diga non me fío porque está visto e comprobado que os postulados que aconsellan máis proximidade, e xa que logo, contacto coa natureza non se teñen en conta por aqueles que dispoñen da facultade de levalos á práctica, así que o mellor que podemos facer e camiñar polos espazos verdes que agora temos preto de nós, abeirémonos á sombra dos árbores que aínda están e non esperemos moito máis a curto ou medio prazo pois os técnicos propoñen e, amigos, os políticos dispoñen.
 

Infraestrutura verde

Te puede interesar