SALVAR ESPAÑA?

Algunhas das novas que van saíndo no que se dá en chamar caso Pujol, trouxéronme á mente aquel conxunto de biografías comparativas, por parellas, de personalidades gregas e romanas que, aló nos albores da era cristiá, escrebeu o moralista grego Plutarco coa denominación de Vidas paralelas. Centos e centos de anos despois, o noso grande don Ramón Otero Pedrayo daría o título de Vidas non paralelas a un seu novelo de 1930 . Unha outra historia que agora, tal vez, poda vir tamén a conto. Vidas non paralelas son as que levaron desde que viron a luz dona Cristina de Borbón y Grecia e don Jordi Pujol i Soley. Mesmo a propia copulativa que acompaña os apelidos demostra esta obviedade. Mais, o destino, sempre incerto e caprichoso, destino quixo que dun tempo a esta parte se pudese falar de paralelismos nas súas vidas, en certas parcelas das súas vidas. Vidas paralelas en asuntos xudiciais, Os diferentes medios de comunicación mallaron en nós, nos nosos ouvidos, o que quixeron e máis verbo de que a infanta de España, mesmo sendo socia nalgunhas delas, non tiña por que coñecer as presuntas actividades ilegais e/ou delictivas destas porque eran cousa do seu marido e do socio de ambos. Tiña confianza cega no seu home e nel delegaba todo sen preguntar nada. Nin sequera de onde saían os cartos para unha vida con tantos luxos non moi doados de xustificar. Seguro que foron educados nese principio tan católico de que a familia que reza unida permanece unida. E feliz, cando menos aparentemente, cos cartos e sen preguntar pola súa orixe. Sabido é, porque así o recorda algún medio, que nunha relación de persoas que evadiran diñeiro, aparecida en 1959 no BOE, figura o pai de Pujol. É posible, pois, que cando menos parte dos cartos que a familia ten en bancos estranxeiros puidera vir xa de aí. Cando menos, sábese que houbo cartos fóra desde hai ben anos. A evasión non é, desde logo, unha práctica aprendida e posta en práctica recentemente por membros desta familia. O propio Jordi Pujol manifesta que 140 millóns de pesetas, depositados en Andorra, foron os que seu pai deixou ós sete netos Pujol e mais á nora Ferrusola. Iso si, como cartos non legais que eran, legounos fóra de testamento, de “tapadillo”, que adoitamos dicir. Aínda que hai quen sospeita, e así se ten feito público, que ese diñeiro non regular puido saír dos fondos que o señor Pujol i Soley retirou de Banca Catalana antes da intervención desta. Casos deses debe haber uns cantos. Nestes mesmos días asistimos ó destape de certas raras operacións que tiveron lugar en Caixa Galicia no río revolto da súa fusión. Mais, parece que esa cantidade, proceda de onde proceda, de menos de un millón de euros, por moi ben administrada que fose para tirarlle suculentos beneficios, é pouca cousa comparada coa fortuna que hoxe por hoxe acumula a familia Pujol Ferrusola. Hai lustros que circulaban rumores clamorosos de actividades non moi exemplares de membros da familia. Pero sempre foron escasas as voces que se ocuparon en convertelos en auténticas realidades. Investigar a familia e falar da familia Pujol, podería ser interpretado, máis que como unha ofensa a quen daquela era o “honorable”, como unha ofensa a Cataluña. E case que ninguén dixo nada. Don Jordi Pujol, como dona Cristina de Borbón dos éxitos das empresas Noos e similares, nada sabía e non se preocupaba da boísima marcha da floristería da muller ou so coches de altísima gama de seu fillo máis vello. Pujol insite en que non foi un político corrupto, en que nunca recibiu un can a cambio de decisións políticas e en que nada cobrou fóra do salario correspondente ós cargos. E eu, que non son home de crenzas de ningún tipo, podo acreditar máis no que, calando moito, di que no que nos queren vender a maioría dos nosos imputados polas tropelías de calderilla que lles atribúen. Unha cousa é que Pujol non levase nada e outra que nada soubese do que presuntamente levaron os seus, eses dos que agora pretende desviar a atención. Hai moitos intereses detrás de todo isto como deixa ás claras o “Si lo cuentas todo salvarás a España”, que seica lle dixo Moragas a Victoria Álvarez, a que foi moza do fillo máis vello do expresidente catalán.

 

SALVAR ESPAÑA?

Te puede interesar