O MUNDO PERDIDO DE CONAN DOYLE

Arthur Conan Doyle é deses estraños e extraordinarios escritores que, a forza de enxeño e destreza, teñen acabado sendo fagocitados por unha parte da súa obra creativa. Unha parte significativa, si, pero non única. Porque Sherlock Holmes non o é todo, aínda que para o común das xentes, poida parecer todo o contrario. Para ben ser, e sen medo a errarmos, pódese afirmar que o arquicoñecido detective mesmo se ten apropiado da alma do seu autor, Arthur Conan Doyle. 
Nada menos que foron uns sesenta os libros de ficción que nos ten deixado escritos o narrador británico. O xénero negro, do que será un dos seus iniciadores, parece teña eclipsado o resto do seu quefacer, coas aventuras corridas polo afamado Sherlock Holmes e o seu axudante Watson. Mais escribirá, así mesmo, novela histórica, dentro da que podemos citar, entre outras, A grande guerra bóer. Para alén diso, tamén ten cultivado esoutra sorte de xénero, coñecido na altura como literatura de anticipación, e ao que pertence a novela a que nos queremos referir, O mundo perdido, e eixo central deste artigo. 
Lido na editorial Positivas, cuxa tradución corresponde a Luís Iglesias Rábade, conta este (segunda edición polo menos) cun Apéndice do propio tradutor, certamente interesante. Dunha parte, son as explicacións acerca da dificultade de poder transmitir canto ten a ver coa idiosincrasia saxoa, principalmente inglesa, cuxa flegma debe ser transferida ao lector galego e que, sospeita, producirá perdas irreparábeis no tránsito dunha a outra lingua. Literalmente, dísenos: “Non resulta doado, nesta leria, emparellar nun mesmo nivel a retranca e desconfianza secular galega coa frialdade e o desafío da mente saxoa”. Neste citado tránsito, o lector debe realizar o esforzo suplementar de ter que imaxinar e interpretar toda unha sorte de elementos connotativos que se derivan das situacións anímicas e evocacións culturais que na novela van xurdindo, e que tan pouco afíns poden parecer á nosa realidade cultural.  
Segundo o noso tradutor, en Conan Doyle convivían aspectos de tres culturas. Da súa orixe irlandesa, herdaría o desacougo libertario e a imaxinación. Nacera en Edimburgo, Escocia, e de aí tería herdado a defensa tautolóxica da verdade. E por último, e sendo inglés de adopción, acabaría tamén por herdar o orgullo e a sorna. Vivo exemplo disto terémolo xa no primeiro dos capítulos. O noso protagonista, e narrador da novela, ten un interesante e absurdo diálogo coa súa amada, Gladys, á que lle propón matrimonio, mais ela rexéitao friamente –disque está namorada doutro–, dicíndolle que non fixo nada de valor e importante para poder merecela. A flegma inglesa evidénciase aquí de forma decidida, provocando non pouca graza no lector á vez que unha tremenda perplexidade. 
Con todo, o máis interesante desta obra talvez estea na temática que se nos propón. Ese mundo paralizado no tempo, espacialmente localizado nunha sorte de protuberancia sobresaliente e rodeada de abismos no medio da Amazonia en que conviven seres antediluvianos (sauros acuáticos, voadores e terrestres) con homes-mono, con seres humanos, etc., e que vén a desafiar á ciencia do momento. Conan Doyle, ora que cunha proposta ficcional, estase a involucrar no debate, candente nese tempo, entre o creacionismo e o evolucionismo. Os homes-mono, somentendo aquí os seres humanos á súa vontade por medio da forza bruta, poñen en xaque toda intelixencia superior presuposta nos homes. O Doutor Challenger –outro afamado personaxe de Conan Doyle– presenta así a subversión acontecida neste punto do planeta con relación ao resto do orbe: seres vivindo aínda na era xurásica e, por tanto, nun estadio anterior ao pecado orixinal ou, o que é o mesmo, á intervención do propio Deus.  
O mundo perdido e outras obras literarias de anticipación –H.G.Wells, Karel Čapek, Aldous Huxley– chegan hoxe a nós cheas de frescura, véñense a reactualizar nestes momentos. O cariz reaccionario que o mundo desenvolvido está a tomar nos últimos tempos, visto o regreso ás teses máis retrógradas da civilización xudeu-cristiá (o negacionismo a teses científicas a prol do dogmatismo, a intromisión da relixión na esfera dos poderes do Estado) e o pulo dado ao fanatismo islamista, poñen novamente de actualidade este tipo de literatura. O cinema indaga hoxe na conquista e aclimatación de Marte á vida (as Crónicas marcianas de R. Bradbury anticiparon o tema), mais cantos outros non foron capaces de pór o dedo na chaga e imaxinar mundos dominados por entes superiores e/ou totalitarios (H.G.Wells: 1984, Huxley: Un mundo feliz, Karel Čapek: A guerra das salamántigas)? Todos eles son autores de compromiso, pois denuncian as inxustizas a través dos mundos que recrean, querendo así deixar patentes realidades presentes ou aínda por vir. O mundo perdido de Conan Doyle é o mesmo inferno, cunha caldeira fervente rodeada de anxos iguanodontes caídos (un promontorio tan preto do Ceo!) e, en suma, un  desafío a Deus.
 

O MUNDO PERDIDO DE CONAN DOYLE

Te puede interesar