Son Cidadáns, as laranzas máis laranxas de todas as laranxas

A laranxa máis laranxa de todas as laranxas é a única obra dramática do finado Carlos Casares. Estreada no tardofranquismo pola asociación cultural O Facho. Peza referencial do teatro infantil galego onde abondan as conversas absurdas, os comportamentos estrafalarios, a personificación de animais e a animación de obxectos, a se achegar aos xogos disparatados dos nenos.
Como paralelo, Cidadáns, ese partido nacido ao abeiro da crise e do caldo de cultivo que ela leva aos bairros marxinais de Catalunya. Estreado hai dez anos, no tardomoncloismo, pola asociación cultural O Facha. Peza referencial do teatro infantil español que escolleu a cor laranxa e a súa presentación nos teatros por ser a cor centrada e equidistante entre o amarelo e o gualda. Protexida por certos intelectuais guerrilleiros do que din nacionalismo periférico como Albert Boadella, Savater, Félix de Azúa e outros que nos lembran a espada do cid campeador como Arcadi Espada ou o mesmo Alber Rivera, moi semellantes nos seus discursos aos que abriron noutrora a casca do nacionalcatolicismo. Espallaron como fungos outonizos xusto cando os recurtes dos xastres da dereita tradicional provocaron o devalo do partido popular. (Disque as casualidades non existen). Comezaron como unha plataforma para aparentar ser algo vertolán, cousa de cidadáns anónimos, deses que andan pola rúa e xantan o prato do día en calquera mesón de bairro. Encheron as redes sociais, os blogs, os xornais de papeis, as radios e televisións disfrazados dunha modernidade e unha frescura de alfaiate parisino, sobrio pero xovial que incluso era capaz de levar nome periférico para imantar a cataláns de macia raigame e despexar dúbidas de saúdos antidemocráticos do pasado. 
No seu ideario político defínense como laicos, pero dun laicismo que non vai mover unha man por tirarlle a educación aos bispos, nin separar o Estado da Igrexa como manda a constitución. 
Cidadáns é o partido da cidadanía, disque. Non sei se dentro do cidadán entrarán eses cidadáns que viven nas aldeas, vilas e cidades pequenas, que só entran en Google e non pisan un museo porque a súa cultura e o seu peto non dá para máis, disque. Porque o concepto de cultura que nos presenta Cidadáns é tan recuado que até os preilustrados estavan máis avantaxados. Coidan que a cultura é algo urbano, en formato papel ou dixital museístico. A cultura como un privilexio para escolleitos como eles.  Eles ignoran a etimoloxía da palavra cultura que fai derivar ésta do cultivo da terra. Porque para os Cidadáns da nova dereita como para os populares da vella (que vén a ser a mesma, un recambio ou marca branca) a terra e o territorio, eis nada! Cando nos venden iso de que eles son os únicos que están centrados nos problemas reais dos cidadáns esquecen sempre aos proprios cidadáns e as súas particulares circunstancias. Para Albert Rivera e os seus Cidadáns do mundo a cultura propria é un atranco, a identidade é un atraso e os dereitos colectivos dos povos recoñecidos nas cartas magnas e nos dereitos universais do ser humano son unha pallasada, como as nacionalidades e o dereito dos povos a falar e vivir dentro da súa ancestral cultura. Daí que nos apoñan o de periféricos. Somos povos arredor dunha esfera, Madrí. Somos dos Arrabaldos do norde, extrarradio, marxinais merecedores dunha política marxinal deseñada nas outas esferas do mercado global dos montes santos ou monsantos!
Precisamente o prestixioso pensador Richard Sennett ao falarnos da cultura do novo capitalismo, suliña a renuncia, a obriga de nos desprender do pasado como un dos tres desafíos para ter éxito nesta xeira de capitalismo selvaxe. A globalización precisa escravos sen pasado nin futuro. Os andeis de autoaxuda das livrarías e bibliotecas está cheo de livros de cómo esquecer, de cómo vivir o intre, de carpe diem desenfocados, ou mellor enfocados a un mercado onde o traballador é un obxeto baleiro desenraigado e rápidamente prescindivel. Sumetido á obsolescencia programada mesmamente como o seu portátil ou a súa bombilla de longa duración. A igualdade mudou nisto para os defensores do sistema. 
Por iso todos nos son a vender que xa non há dereitos colectivos, que xa non há identidade nin nacionalismos. Porque así os dereitos individuais, derivados sempre dos colectivos (o home é un ser social) son manoseados e manipulados doadamente. Chegan incluso a se cuestionar a función dos sindicatos e defenden a negociación individual dos contratos laborais invalidando a forza da colectividade e as conquistas sociais que se acadaron no pasado por parte das loitas sindicais, labregas e populares en xeral. Isto si é populismo do máis atroz!
As persoas, baleiras de experiencias pasadas somos unha especie de anxos de luz que aboiamos nos centros escolares e de traballo sen ningunha pegada dos nosos devanceiros. Cuspidiños aos demais anxos de luz.  Os apelidos non teñen importancia algunha, a non ser que sexan herdeiros de fortunas azuis. A lingua que falamos tampouco a ten. Non expresamos nela quen somos nin de onde é que vimos. Non, para estes universalistas laranxas, as linguas debían estoupar como no teatro infantil de Casares estoupan as laranxas nacidas dun limoeiro. Agás a lingua castelá e a inglesa porque dela falan cando defenden, como Feijóo, o bilingüismo harmónico ese que non é máis que a ideoloxía nacionalcatólica cun traxe acaxomado a este estado autoanémico no que imos morrendo como povo coa eutanasia activa e pasiva que nos están a aplicar nos seus coidados paliativos.
Cando alguén propón dende un concello como o de Ferrol que a lingua oficial non pode ser o galego non é un cidadán, é un desalmado. Nun país normal, normalizado, iso abondaría para expulsalo da política de por vida. Pois iso vén de fazer Cidadáns en Ferrol e en vésperas electorais. 
E iso é o máis terrivel. Que a nosa lingua sexa a arma arreboladiza para a canteira de votos de ferroláns de dereitas. Eu podo comprender que un vote á dereita se ten grandes propiedades para as protexer xa que a dereita governa sempre para protexer aos poderosos. Incluso podo comprender que a clase media ou o povo con escasa cultura e sumetida á presión mediática poida votar dereita. Mais o que nunca poderei enxergar é cómo un povo pode non ter vergoña de lle votar a alguén que aldraxa aos seus antepasados esmagando a súa lingua!. Daí a importancia da memoria, de non darnos ao esquecemento do que fala Sennett, de non renunciar ao que somos lembrando de onde vimos.

Son Cidadáns, as laranzas máis laranxas de todas as laranxas

Te puede interesar