Biden, trumpismo sen Trump?

Todo parece indicar que os cambios que fará Biden respecto das políticas de Trump van ser menos dos esperados, ou que se tardaran en aplicar. Polo momento no ámbito internacional só se concretou darlle continuidade ao START III, seica deter a construción do muro con México, e regularizar nos vindeiros anos aos inmigrantes irregulares que viven nos Estados Unidos. No interno rematar co discurso supremacista branco do Executivo, e ter unha política máis activa contra o covid-19. De non se tratar da potencia hexemónica e que pretende marcar liña poderíase aceptar como un comenzo positivo. Porén, neste caso non se pode obviar que no esencial continúan as orientacións do trumpismo, baseadas na confrontación coas potencias emerxentes e os países que desexan tomar decisións soberanas, e a vía do dialogo é a excepción.


Poderíase pensar que se trata dun xeito de trumpismo menos estridente co de Trump, dado que este se destacou pola agresividade na política exterior, rachando nas formas coa etapa anterior. Mais no esencial os obxectivos seguiron a ser os mesmos de Obama nas cuestións estratexicas. Daquela que lle custe tanto a Biden desmarcarse de Trump en moitos temas, por exemplo respecto de Venezuela, ou na disputa con China e Rusia. Polo que se mantén o acoso nas fronteiras e tamén a inxerencia interna. Un xogo ao que se uniu a UE, se cadra como proba do desexo de recuperar a plena complicidade con Washington. Polo que a delegación presidida por Borrell foi a Moscova en plan provocador, o que se reflexa no feito de que Lavrov dixese posteriormente que estaban preparados, mesmo que fose moi negativo, para unha ruptura de relacións.


Unha actitude por parte da UE que coincide coa expresada por Biden, na chamada telefónica a Putin e a Xi Jimping. Foron de confrontación, levadas ás relacións persoais, polo que algúns analistas vinculan estes feitos a que un terzo do persoal escollido para o Departamento de Defensa e o Pentágono proveña de institutos e think-tanks financiados pola industria armamentística. O sucedido non se pode considerar unha novatada, Biden leva moitos anos en política. Só se entende, se se trata de dar pasos para dividir o mundo en bloques (por suposto desiguais). Se fose así, o obxectivo sería utilizar a hexemonía dos Estados Unidos no ámbito militar convencional, na comunicación e cultura de masas, e no sistema financeiro, para illar e frear o medre económico e tecnolóxico destas potencias alternativas. Unha recomposición que lle pode saír moi cara ao mundo, e especialmente á UE. 

Biden, trumpismo sen Trump?

Te puede interesar