A asociación Celeuma amplía a súa oferta artística

A asociación Celeuma amplía a súa oferta artística
imaxe de varios membros do grupo teatral de celeuma j. meis

Celeuma naceu como unha agrupación coral e, desde o 2003, leva tamén adiante un proxecto teatral coas sólidas bases e o compromiso ético que aporta a experiencia de Luis G. Ramos. Despois de estar “de prestado”, agora contan cun local municipal, no Alto do Castiñeiro (rúa Reis Magos), e por iso neste bautizado como Espazo Alternativo amplían agora a súa oferta creativa. Inclúen música e pintura, ademais de pilates, e ofrecen as súas instalacións a proxectos artísticos que compartan a súa forma de encarar o feito artístico.
“O mundo da plástica, da pintura ou da música non nos é estraño, pois no teatro conflúen case sempre tódalas artes”, explica Luis Ramos. “Esta asociación aposta claramente polas artes en xeral, polo fomento e a participación”.
Celeuma quere dar saída ó teatro afeccionado, traballando para achegalo á xente, convertelo nunha maneira de lecer moito máis cercana, fuxindo de elitismos. E para que exista ese gusto de subir ó escenario e gozalo, hai tamén que prepararse previamente, pois chegar, aprender un texto e saír a defendelo pode ser incluso contraproducente para fomentar a afección. “Queremos que a xente teña un concepto claro do que é a actividade teatral, e tamén axudala a entender e desenvolver o que nós temos para poder dedicarnos á interpretación. Se nese proceso, aproximadamente dun ano, eu vexo que non se gañou a confianza en si mesmo e a autoestima e un quere saír ó escenario porque o desexa, porque sabe e pode, entón non se estreará o espectáculo”.
E sempre cunha concepción do teatro pegada ó artístico, á creatividade e ó humano. “Están aquí recibindo unha aportación máis como persoas que como actores. Traballamos nun concepto de arte asociado á liberdade, a uns principios e valores”. E cun respecto polo que se está facendo e un compromiso e militancia coa realidade social, sen perder nunca de vista o primordial, que o teatro faise para o público.
E coa idea de achegarllo o máximo posible desenvolveranse pequenas obras, do que se dá en chamar microteatro, nas que xa traballan.

A asociación Celeuma amplía a súa oferta artística

Te puede interesar