Escolas e Irmandades na ditadura (CII)

Escolas e Irmandades na ditadura (CII)
Manual de Historia de Catalunya (1923)

Finalizaba a entrega anterior dando conta de que no número d’A Nosa Terra correspondente ao 1º de febreiro de 1924, cando xa se facía ben notoria a presenza da censura, figuraban dous textos referidos ás Escolas do Insiño. No primeiro, “Fomentando o insiño / As Escolas da Irmandade”, como quedou dito, falábase de como poderían encaixar as Escolas no novo contexto lingüístico establecido polo directorio militar.
O segundo deles era o texto da charla que, dentro do ciclo “As conferencias da Irmandade”, organizado pola Comisión de Cultura e Fala, dera o conselleiro da Irmandade coruñesa Federico Zamora, o 21 de decembro de 1923. Na conferencia-charla, un percorrido por aspectos relevantes das Irmandades desde a súa constitución, dedicou, como non, uns cantos parágrafos -que, por non seren moi coñecidos, decidín reproducir na súa integridade- a resaltar a importancia que poderían e deberían ter as “Escolas do Insiño Galego”, tema co que estaba moi identificado, xa que fora, xunto con Ánxel Casal, o principal promotor das mesmas:
“Precisamente nistes momentos tratamos de levar a práitica a mais grande obra que seguramente até o d-agora leva feito a Irmandade, senon se oculta que cecais seña a empresa algo soñadora, un tanto atrevida, si queredes, pero señores e d-unha trascendencia tan grande, que si agora quedase a obra en marcha -que coido quedará- podriamos decir que puxemol-a primeira pedra da nova cultura galega.
AS ESCOLAS DO INSIÑO GALEGO
Atentos sempre a lle dar o máiximo grado d-elevación cultural as xentes da nosa terra –que tan fallas d-instrución s’atopan por mor dos nosos goberniños– temos mentes de deixar en boa marcha as Primeiras Escolas do Insiño Galego.
Coido que vos decataredes do que siñifica ista nova xenial idea da Irmandade, a creación d-istas escolas trai aparellado consigo mesmo a formación d-unha lexítima mocedade de concencia en todos aqueles neniños que teñan a fertuna de ter cabida nas devanditas escolas.
As Escolas do Insiño Galego serán a pedra angular na que descansará no futuro o movimento galego, serán os cimentos do pleno rexurdimento d’aqueles valores que temos e que fican descoñecidos para moita xente, e que por non ter cecais vagar para elo, ou non preocuparse endexamais d-estudal-os, e que os nosos inteleituales de todos temposno-nol-os deran a coñecer en forma axeitada e aos alcances de todal-as fertunas, para que co-ilo chegaran ás mans do pobo serán o medio mais doado para dar a coñecer ás novas xeneraciós todo aquelo que como Galegos que son lles intresa o coñecer a fondo para se decatar en todo momento das nosas groriosas tradiciós, para que poidan ter unha orientación exacta sobor da nosa Historia, da nosa Xeografía, das nosas costumes, do noso Arte en xeneral que é por poucos coñecido e por todos esquecido.
O sostenimento d-istas escolas, terá que ser por suscriciós mensuaes entre todol-os galegos -sin distinción de matices- co-a cuota que vountariamente queiran suscribirse cada mes, pol-a miña parte, e dende eiqui fago un novo chamamento aos corazós de todol-os galegos para que contribuian có seu grao d-area ao sostenimento d-istas escolas.
Dándonos perfeita conta do que deben ser istas Escolas, a insiñanza nas mesmas será no idioma Hespañol, botando man da nosa lingoa para o mellor enserguemento dos neniños en todos aqueles casos que o escolante o coide necesario.
Ben sabemol-os escollos que teremos de vencer para levar a cabo ista grande ideia -pero si todos nos axudamos nada hai difícil- unha das cousas mais difíciles d-atopar nos primeiros momentos, sería a falla de mestres ou Escolantes, e a propósito d-isto vou deciros algo sobre o comezo de L’Associació Protectora de L’Ensenyança Catalana, que na autualidade conta con 25.000 Protectores.
Ista asociación nos seus comenzos tivo os mesmos tropezós que nos temos, e foron os seus apuros somellantes aos nosos.
Para chegar á cubrir os seus cativos presupostos tiñan necesidade de sair ás ruas os mesmos dirixentes, e vender pubricamente, postales, folletos, insinias, bandeiriñas e moitas mais cousas de propaganda.
Tiveron a sorte d-atopar un mestre que inda hoxe o pobo catalán lle non rindíu o homenaxe de que foi merecente. Iste mestre chamado Xaime Arqué Clapés tiña unha fé tan grande n-aquela primeira Escola Nacional Catalana, que dispois de rematar as horas que adicaba ao insiño enchía os petos de exemprares de Xeografía de Cataluña e comenzaba a facer unha verdadeira pelegrinación, pol-as Sociedás, Cafés, Comercios, e todos aqueles sitios nos que a xente adoitaba a se reunir a cotío para ofrecerlle os ditos exemprares, e agora dous, mais adiante catro, alí un, mais aló seis, eiquí unha bulrra (sic) -que de todo hai n-iste mundo- alí unha surisa, mais adiante unhas verbas de estímulo, chegaba a sua casa satisfeito do deber cumprido e disposto para o seguinte día reanudar a sua labor patriótica. ¿Sabedes canto ganaba en cada Xeografía?… ¡un patacón!
¿Qué? ¿non sería posibre que nós tamén toparamos un novo Xaime Arqué, un novo patricio galego que se sintira con folgos d-abondo para facer unha labor semellante á d-iste devandito patriota Catalán?
Meus irmáns: queira Deus que en todal-as vilas e cidades nas que eisistan ou poidan eisistir Irmandades da Fala, teñan no seu local unha escola semellante ás nosas, e tende en conta que o axudar ás Escolas do Insiño Galego é obra santa e patriótica”.
Federico Zamora falaba con coñecemento de causa da Associació Protectora de L’Ensenyança Catalana, xa que viaxara a Barcelona para se informar do seu funcionamento e visitar as escolas que subvencionaba. Mais, polo que teño lido sobre o tema, paréceme bastante esaxerada a cifra que dá de 25.000 protectores. Serían, iso si, moitísimos máis dos que soñaban os impulsores das escolas galegas, xa que superaban os 10.000. Como é sabido, seis meses despois da conferencia de Federico Zamora, o 24 de xuño de 1924, o Directorio publicou un decreto contra o separatismo e clausurou tanto a Associació Protectora como as súas escolas, se ben a asociación continuou funcionando na semiclandestinidade.
Mais en Galicia non acontecería o mesmo. Así, A Irmandade da Fala da Coruña notificou ao gobernador civil -en oficio asinado por Federico Zamora, con data de 6 de abril de 1924- a próxima celebración de xunta xeral:
“Federico Zamora, como Vice-Presidente de la Irmandade da Fala de esta ciudad tiene el honor de poner en conocimiento de V.E. que el próximo Domingo 13 del cte. més a las 11 de la mañana; esta entidad celebrará su junta general ordinaria para los efectos siguientes.
Aprobación de cuentas y memoria
Renovación de junta directiva
Ruegos y Preguntas
Lo que comunico à V.E. à los efectos consiguientes”.
Na marxe figura esta anotación manuscrita: “Al Sr Arrojo para que asista y de cuenta. El Comisario Belisantes”.
O policía, en boa lóxica, asistiu e remitiu ao comisario o seguinte informe:
“Sr. Comisario
Tengo el honor de participar a V. que la reunión aludida en el presente escrito dió principio a las 11’20 horas, bajo la presidencia de D. Federico Zamora asistiendo 12 hermanos.
Fué leida y aprobada el acta de la reunión anterior. Aprobose también el estado de cuentas, como así mismo una memoria de la Directiva que cesó.
Se nombró nueva junta, recayendo los cargos en los individuos comprendidos en la nota que acompaño.
Se propuso hacer gestiones para conseguir alguna rebaja en el alquiler del local y si no lo consiguen, ver de encontrar otro más barato. Terminó el acto a las 12’5 sin novedad.
Coruña 13 abril, 1924”.
Chama a atención o escaso número de asistentes á xunta xeral ordinaria..

Escolas e Irmandades na ditadura (CII)

Te puede interesar