Marcos Pereiro | “No teatro pasan cousas que non saen na televisión”

Marcos Pereiro | “No teatro pasan cousas que non saen na televisión”
Diario de Ferrol-2019-09-27-009-6ea1d454

A función ten no seu elenco a Oswaldo Digón, Evaristo Calvo, Cristina Andrade, Federico Pérez, Susana Sampedro, Lucía Veiga e, como convidada, a Susana Seivane. Presenta Marta Doviro. Tamén contará con Marcos Pereiro, veterano na comedia e nos directos.

“Malo será” é teatro ou televisión? 

O “Malo será” é un programa de televisión que se grava en teatro, con público, como se fose unha obra de xira por Galicia adiante. Son uns 75 minutos de directo cuns dez sketches.

Parécese á experiencia que tiña en platós?

Non ten nada que ver porque ti un programa de televisión grávalo nun estudo e sempre ten cortes. Se hai algún problema, párase, aínda que haxa público. Pero aquí non, é directo para todo. Hai moita diferenza. De feito, este programa podíase facer o sábado e que se estivese emitindo.

Levan uns meses, como responde o público?

Moi ben, a xente ten a experiencia de velo na casa e cando o ve no teatro, o que lle gusta realmente é isto. Pasan cousas que non saen na televisión, é moi divertido. Cambiamos de roupa, de personaxe... detrás hai un montón de xente traballando para que iso poida ser: maquillaxe, perrucaría, vestiario... cambias nun minuto.

O público pásao ben pero transmiten que vostedes tamén.

Si, nós pasámolo bomba porque somos compañeiros que en moitos casos nos coñecemos desde hai anos. Temos unha semana para preparar cada programa e ten que haber complicidade para que saian as cousas. 

Hai lugar para a improvisación?

Hai guión e non hai moito espazo para a improvisación. Hai un equipo moi grande detrás, guionistas, a realización vai en directo... Se te pos a inventar ninguén se entera do que pasa.

Cal é a clave para facernos rir aos galegos?

Hai de todo pero diría a retranca, o dobre sentido que temos. E tamén falar de cousas coas que nos sentimos identificados, que nos poden pasar a todo o mundo, que iso xa creo que é universal. No programa hai un pouco de todo, desde humor lixeiro ata comedia culta.

Gústanos rirnos de nós mesmos.

Si, claro. Hai un montón de sketches cada semana nos que se tira do cotián, do que pasa coa familia, de maridos e mulleres, divorcios... E tamén hai situacións inventadas, que isto é humor e inventamos o noso universo e facemos comedia con iso.

Que lle aporta persoalmente a vostede?

É un formato que me gusta moito porque ten isto de facer unha semana unha cousa e para a semana que vén, outra. É un subidón de adrenalina cada semana, estás supermegaconcentrado e a min encántame. Teño a experiencia de “Luar”, e isto realmente curte, porque hai que saír adiante. Ao mellor non se che acorda nese momento cal era a frase, pero sabes de que vai e como pode seguir e imos construíndo ferramentas entre todos para sacalo adiante. É moi divertido. A xente que está alí no teatro tamén o ve.

Marcos Pereiro | “No teatro pasan cousas que non saen na televisión”

Te puede interesar