Fernando Branco Parga | “É moita hora de que Endesa dea a cara por As Pontes”

Branco, esta semana nunha intervención no pleno do Parlamento galego
|

Esta mesma semana, Fernando Branco, secretario de Enerxía da federación de Industria da CIG e exdeputado autonómico, volveu ao Parlamento no que fora deputado para reclamar unha transición enerxética xusta e, sobre todo, planificada.

Xa pasou case un mes do anuncio de Endesa. Como repartiría as responsabilidades desta crise?

É unha pregunta moi complexa. Houbo un cambio nas expectativas de funcionamento que tiña Endesa. Das quince térmicas de carbón do Estado, dez xa tiñan planificado o seu peche e cinco non porque estaban acometendo os investimentos para adaptarse a unha directiva europea de emisións que, hai que lembrar, non ten que ver co CO2. Hai cambios bruscos no mercado de dióxido de carbono, que pasa de cinco euros a tonelada hai dous anos aos 28 de agora. Estas empresas, ademais, non teñen cuota de emisión asignada; todo canto emiten teñen que mercalo no mercado. A maiores, o ano pasado produciuse un cambio lexislativo polo que se lle suprimiu un imposto ao gas mais non ao carbón, co cal provoca discriminación positiva a favor do primeiro, e na conxuntura actual do mercado baixou moito o prezo do gas. Ademais, o marco regulatorio por parte do Estado non está ben preparado: hai un escenario non previsto e tamén unha actuación de Endesa non correcta. Ante un problema, debeuse abrir unha mesa de diálogo social cos axentes implicados, porque non é unha empresa calquera, senón que afecta moito á economía da comarca e, sen previo aviso e sen someterse a ese debate, envía un comunicado á CNMV anuciando dunha forma moi eufemística o peche. Non é a forma de actuar dunha empresa que leva décadas obtendo inxentes beneficios aquí. Non se nos pode levar a feitos consumados sen buscarlle solucións ao territorio. A transición ecolóxica debe planificarse, como se fai noutros Estados europeos. Nas Pontes non debera de pasar o que xa nos pasou na comarca co naval, que primeiro se destrúe e despídese á xente e, unha vez feito, anúncianse plans de reindustrialización de todo tipo para ao final non ter nada. Neste caso, o plan tiña que estar xa en funcionamento e a reunión no ministerio non foi máis que terapia de grupo, e este debe concretar xa o seu compromiso con As Pontes máis alá de anuncios en época electoral.

Chama a atención que se faga no medio dun investimento de máis de 200 millóns...

E que aínda está sen rematar. A propia empresa recoñecía que hoxe non tería feito esa obra, pero aínda que se cometese o erro, o procedemento é sentar os axentes implicados e administracións e ver como se acomete esta transición, pero non mandar un aviso a través da CNMV. Endesa é o denominador común dos conflitos nas Pontes: no tema da tarifa, das auxiliares, dos transportistas, dos traballadores e traballadoras da principal, do concello etc. Por iso xa é moita hora de que dea a cara a deixe de negarlle as reunións aos axentes sociais das Pontes. É o mínimo que, por respecto, debe facer Endesa con As Pontes.

Hai diferentes velocidades na UE sobre a descarbonización?

Todos os Estados están obrigados a presentar en Bruxelas o plan integral de enerxía e clima no que figura o deseño que fan os Estados de aquí a 2030. O do Estado español, no que ten a ver coa descarbonización, é máis ambicioso no tempo que o alemán, e xa non digamos que o polaco ou o checo. É unha decisión política.

Fermín Paz lembraba estes días que só o 9% das emisións mundiais prodúcense en Europa.

É unha decisión estratéxica da UE. É certo que as emisións europeas están no 9% e que é o único espazo económico que ten mercado de emisións. Este é un discurso potente que ten a UE e aí está avanzando, mentres noutros puntos do planeta seguen abrindo térmicas. China, o surleste asiático e EEUU son os maiores emisores de CO2.

Cambiando de tema, cal é a situación do persoal pensionista de Endesa?

Endesa cumpriu os seus avisos e desde o día 1 de outubro o persoal que é pensionista –que inclúe xubilados, viúvos, viúvas, incapacidades etc– deixa de ter tarifa eléctrica de empregado e o resto dos beneficios sociais, como as axudas ao estudo. Estamos, polo tanto, nunha situación de falta de cobertura.

A cantas persoas afecta?

Non temos ese dato, é difícil de calcular, pero cremos que nas Pontes e no conxunto da comarca a máis dun milleiro de persoas. É un beneficio social que estaba consolidado no tempo, que nunca fora cuestionado en ningún convenio colectivo –e xa levamos moitos– e iso ten un impacto económico nas nóminas, pois é salario en especie, polo que cada traballador está perdendo centos de euros mensuais, dependendo de como sexa a vivenda, a potencia contratada, o número de membros de cada familia... Depende de moitas variábeis, pero en calquera caso é unha perda económica evidente para o colectivo e, por extensión, para o pobo das Pontes e a comarca. Non son datos moi precisos, pero a unha familia cunha potencia contratada media suponlle uns 150 ou 200 euros mensuais. Falamos sempre de medias.

A negociación do convenio marco continúa. Hai avances?

Eu creo que a isto non se lle pode chamar negociación. Ten en conta que levan dous anos; eu diría máis ben que teñen encontros nunha mesa e pouco máis, pero o que é negociación non hai ningunha. A posición da empresa é fortísima e nós cremos que tiña que haber capacidade de reacción sindical, de resposta á empresa: seguir mantendo unha mesa polo feito de manter unha mesa non debe ser o obxectivo, senón dobrar a decisión empresarial. Isto non sempre se consegue nunha mesa, pero require dunha mobilizarse, hai que mudar de posición se queren que a empresa mude de posición. Os pasivos, os pensionistas, estamos mobilizándonos desde hai tempo e cremos que quen dirixe a mesa desde o punto de vista sindical debe cambiar tamén o paso, que abandone a posición contemplativa e aposte definitiva e contundentemente pola mobilización como resposta a Endesa.

Fernando Branco Parga | “É moita hora de que Endesa dea a cara por As Pontes”