A tradición dos Maios impulsa as actividades en Ferrol e comarca

A tradición dos  Maios impulsa  as actividades en Ferrol e comarca
Maios en Pontedeume

A explosión da primavera e o seu fondo significado social e cultural tradúcense un ano máis na festa dos Maios que, igual que noutros lugares de Galicia, manten un forte arraigo en Ferrol e comarca.
Así, no barrio de Canido a celebración comezou onte na praza da Auga co lanzamento de bombas de palenque e un pasarrúas con cabezudos. Posteriormente Teatro do Asteleiro representou a obra “As raíñas”, tralo cal actuou a coral Alecrín. Finalmente, o grupo Os Xotas animou a noite de Canido coa súa música.
Hoxe as actividades organizadas pola Asociación de Veciños comezan cun pasarrúas con cabezudos a partir das 19.30 horas no que se lanzarán foguetes e tocará a charanga Vai de Baranda. O grupo da asociación cultural Medulio representará ás dez da noite nos xardíns de Fenya a obra de teatro “Cabaré Ferreiro”. Ás 23.00 horas os grupos Berros do Castro e Boj despedirán o programa cun concerto de música folk. Mañá haberá, entre outras iniciativas, un mercado de artesanía e produtos de segunda man desde as 11.00 horas e a entrega do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada.

en Pontedeume
Na comarca, os Maios tamén se celebraron onte en Ortigueira e Pontedeume. Na vila dos Andrade as creacións florais partiron dos xandíns de Lombardero para celebrar a festa na alameda de Raxoi. Con gran concorrencia veciñal levouse a cabo unha lectura de coplas e a actuación do grupo folclórico Orballo, finalizando a tarde coa entrega de premios aos mellores Maios, con máis de 600 euros a repartir entre os mellores.
En total participaron unha ducia deles con formas que recordaban a diversos monumentos próximos como o mosteiro de Caaveiro ou a ponte co xabaril e o oso. A festa estaba organizada polo Concello.

A tradición dos Maios impulsa as actividades en Ferrol e comarca

Te puede interesar