Cristian F. Caruncho | “‘Grandarroiba” é a historia dun home solitario que vive nos montes de Couzadoiro”

Cristian F. Caruncho | “‘Grandarroiba” é a historia dun home solitario que vive nos montes de Couzadoiro”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-f5342172

Unha aldea inventada por el, chamada Rego Torto, e habitada por personaxes e situacións surrealistas, inspirou os seus primeiros traballos. Agora, Cristian F. Caruncho, debuxante ortegán de 22 anos, bebe da súa propia contorna para contar, a través das súas ilustracións, a historia de Moncho de Grandarroiba, un veciño seu, da parroquia de Couzadoiro, no Ortegal, que sempre lle espertou unha grande curiosidade. 

“É un home solitario, que vive nos montes de Couzadoiro, que agora ten uns cincuenta anos. É un home de poucas palabras, duro”, comenta o autor. A súa vida, desde que era pequeno ata a actualidade, fía o cómic “Grandarroiba” que vén de saír do prelo da man de Demo Editorial.

“No cómic vese como vai cambiando a relación do protagonista cos veciños, tamén co seu cabalo, co que pasa máis tempo, co seu can, e como é a súa vida polos montes do Ortegal”, conta o ilustrador.

Trátase do seu primeiro traballo longo, de máis de sesenta páxinas nas que o lector poderá recoñecer algúns dos principais lugares da devandita parroquia, como a igrexa de San Cristovo, a ponte de Lamas, o monte do Carabelote e moitos outros lugares dun lugar ao que o propio Caruncho regresou este ano a vivir logo da súa estadía formativa na Coruña para graduarse en Ilustración, na Escola Pablo Picasso.

Como non podía ser doutro modo, foi a parroquia de Couzadoiro o lugar escollido –o pasado sábado 7–, para a presentación oficial dunha obra que a partir desta semana comzará a sua “xira” de presentacións.

O xoves desprazarase á biblioteca municipal de Ortigueira e o sábado 28 a Mañón, para dar a coñecer o seu traballo aos asistentes á cita fixada no Bar Queiro.

As primeiras reaccións do público con repecto á obra están a ser moi positivas, salienta Cristian, que se confesa satisfeito e contento co resultado final de este seu primeiro proxecto tan longo.

Tamén ao propio protagonista gustou o traballo final. “Enseñeillo cando o rematei, en marzo, antes de publicalo, e dixo que lle parecía ben”, conta o autor.

Máis de 80 persoas respaldaron ao debuxante ortegán na presentación do seu traballo, enchendo completamente o aforo do Teleclube, onde se celebrou. “Foi desas cousas que no se esquecen na vida”, dixo. Ata alí se desprazou xente da súa parroquia, mais tamén doutras zonas próximas e mesmo doutros municipios. Os libros que levou, esgotáronse e “malia estar firmando alí dúas horas, aínda tiven que traer uns cantos para dedicar na casa. Da gusto sentirse así de querido na terra dun”, comentou. 

Aínda que na actualidade  está centrado na presentación do seu cómic, Caruncho, creador do cartel da última edición do Festival Celta de Ortigueira,  ten en mente xa novos proxectos, como o que terá como escenario a Costa da Morte e no que se atopa en fase de documentación.

Cristian F. Caruncho | “‘Grandarroiba” é a historia dun home solitario que vive nos montes de Couzadoiro”

Te puede interesar